LUGO | A
alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Federación de
Veciños, Jesús Vázquez, presentaron hoxe na Casa Consistorial a
XXV Edición da Feira do campo e da artesanía de San Isidro, que se
celebrará esta fin de semana, os días 20, 21 e 22, na praza da
Milagrosa. No acto tamén participaron o deputado provincial, Pablo
Rivera e o presidente de Acruga, César Dorado, xunto a membros da
Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa.
A
rexedora subliñou que “a Feira de San Isidro cumpre este ano 25
edicións poñendo en valor os productos autóctonos e artesanais,
consolidada, así mesmo, como a maior feira urbana de toda Galicia”.
Neste senso, Lara Méndez destacou que “durante toda a fin de semana uns
30 vendedores chegados de A Coruña, Oviedo, Ourense, Pontevedra e
diferentes puntos da provincia de Lugo, achegarannos os seus produtos de
primeira calidade”.
“Dende
o Concello estamos encantados de colaborar, unha vez máis, coa
organización desta cita, pois supón unha gran oportunidade para enxalzar
as nosas raíces rurais e dinamizar durante varios días as rúas deste
barrio, un dos máis senlleiros da cidade, así como o comercio local e de
proximidade”, engadiu.
Así,
a alcaldesa convidou aos veciños e veciñas de Lugo “a participar nesta
nova edición da feira e gozar da programación de actuacións culturais,
degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras
actividades, que completan o programa do evento”.
Pola
súa parte, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera
Capón, recoñeceu esta cita “como un nexo de unión entre o rural e o
urbano para manter as raíces e as tradicións e a identidade de Lugo,
onde moita xente combina a súa vida cotián no urbano con fondas raizames
no rural”. E lembrou que “esta iniciativa forma parte da estreita
colaboración que a Deputación de Lugo mantén anualmente coa Asociación
de Veciños Comerciantes e Industriais da Milagrosa cunha achega de
15.000 euros”.
Así
mesmo, a institución provincial colabora coa elaboración de dúas
degustacións de embutidos e queixos da provincia. Rivera Capón recordou a
importancia de apostar por “unhas políticas de colaboración entre o
sector primario, a investigación das universidades públicas ou o apoio
das administracións”.
Durante
a presesentación de hoxe, tivo lugar, así mesmo, o nomeamento como
socio de honra da Asociación da Milagrosa de César Dorado, presidente de
ACRUGA. Ademais, Jesús Vázquez, avanzou que o pregón da feira, que terá
lugar este venres ás 20:00 horas, será a cargo do presidente da
Deputación, José Tomé Roca e, como nas pasadas edicións, o domingo
entregaranse os premios José Carballido aos mellores 5 stands da cita. Departamento de comunicación