MADRID | O deputado
do BNG no Congreso, Néstor Rego, traslada á cámara baixa a petición para a
concesión do indulto ao sindicalista Xesús Anxo López Pintos polos feitos
ocorridos en outubro de 2012. A organización nacionalista reclama que, de
maneira urxente, o executivo estatal tramite a aprobación do indulto a Pintos,
condenado a unha pena de 6 meses de cárcere e inhabilitación especial do
dereito de sufraxio pasivo neste tempo.
O 4 de outubro de 2012, en Ferrol, levouse a
cabo unha concentración convocada polos comités de empresa de Poligal e
Navantia para protestar contra as políticas de recortes do Goberno do Partido Popular.
Unha concentración diante do Hotel Almirante, na cidade de Ferrol, á que
acudiron multitude de persoas, organizacións, sindicatos e formacións políticas
diversas.
Ao remate da mesma, a policía
procedeu á detención do sindicalista ferrolán, Xesús Anxo López Pintos, ex secretario
comarcal da CIG. Para o BNG, esta foi unha actuación de persecución contra unha
persoa concreta- polo coñecida que era na comarca- que se observou como
inxusta, arbitraria e cargada de violencia. Cabe destacar, ademais, que o
sindicalista ferrolá foi vítima de malos tratos, tal e como informaron os
medios de comunicación.
“Vulnerouse un dereito fundamental
recollido tanto na Declaración Universal dos Dereitos Humanos como no Pacto
Internacional dos Dereitos Civís e Políticos xa que, de forma arbitraria,
procedeuse á detención e condena xudicial a unha persoa que estaba exercendo o
seu dereito ao libre exercicio da actividade sindical” explica o deputado do
BNG.
De facto, o representante
sindical foi condenado pola Audiencia Provincial da Coruña a unha pena de 6
meses e un día de prisión e inhabilitación especial do dereito de sufraxio
pasivo por ese tempo, pola comisión dun delito de atentado contra axente da
autoridade. Posteriormente, esta sentenza foi confirmada polo Tribunal Supremo.
Desde os feitos descritos, transcorreron dez anos, ademais de que o
sindicalista ferrolán atópase na actualidade nunha situación de xubilación.
En opinión do deputado
nacionalista, este caso reúne as tres condicións que se valoran para a concesión
do indulto: “razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública”. “O
representante sindical participaba na concentración para defender intereses
sociais, laborais e económicos colectivos, e non intereses particulares”
salienta Rego.
“Con esta iniciativa
parlamentaria queremos apelar ao Goberno a que inicie a tramitación para
proceder o indulto” explica. Como é sabido, a concesión dun indulto é decisión
do Consello de Ministros a proposta do Ministerio de Xustiza. Ao longo destas décadas concedéronse indultos
a “políticos corruptos, golpistas do 23- F ou banqueiros, polo que resultaría
sorprendente que non se concedese nun caso absolutamente xusto como é o de Anxo
Pintos, un sindicalista que simplemente exercía a súa actividade sindical nunha
concentración, nunha época de crise económica moi dura. É de xustiza, que
reciba o indulto total”.
“O cumprimento efectivo da pena de
prisión suporía un enorme sufrimento para o sindicalista e para a súa contorna
familiar. Cremos necesario que desde o Goberno se conceda o indulto” conclúe
Rego. Departamento de comunicación