El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

LUGO

Lara Méndez, no 160 Aniversario da Policía Local de Lugo

24-05-2022 16:25:52

LUGO | A alcaldesa, Lara Méndez, presidiu hoxe os actos de conmemoración do 160 Aniversario da creación da Policía Local de Lugo. Unha destacada efeméride que coincidiu na súa celebración co Día de María Auxiliadora, patroa do Corpo.

A xornada arricou ás 10:30 horas, coa formación da Policía diante da Casa Consistorial, onde a rexedora pasou revista co bastón de mando, acompañada polo Intendente Jesús Piñeiro, nuha cerimonia que se recupera logo de dúas décadas sen escenificarse e á que tamén acudiron os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno xunto ao resto de representantes da Corporación Municipal e doutras institucións públicas como a Subdelegación do Goberno ou a Delegación da Xunta de Galicia.

No transcurso da mañá, autoridades e resto de participantes asistiron á misa que tivo lugar na Catedral Básilica para honrar á protectora da Policía e logo desprazáronse até o Museo Interactivo da Historia de Lugo na que se desenvolveu o acto institucional.

Durante o evento, a rexedora, Lara Méndez recoñeceu a entrega da Policía Local á súa profesión, “moi dura e esixente, pero así mesmo gratificante e marcada pola vocación ao servizo da cidadanía e de mellora da vida da xente. Unha dedicación que debe ter sempre no seu centro o benestar da nosa veciñanza, xa que o voso compromiso é do de velar sempre polo coidado e protección da comunidade á que escolléstedes servir, Lugo”.

“Un Lugo do que sodes unha parte moi importante, porque cando tomades posesión dos vosos postos como traballadores públicos, pechades un pacto coa cidadanía, pacto que se mantén nestes case dous séculos de vida, onde a evolución é clara pero a esencia permanece: o foco no servizo público e os valores humanos”, continuou Méndez.

A alcaldesa fixo tamén unha mención especial ao Intendente da Xefatura, Jesús Piñeiro, condecorado recentemente coa Cruz da Orde do Mérito Civil, e asegurou sentirse “moi honrada de presidir unha Policía Local que, por primeira vez en 160 anos, conta con mulleres na cadea de mandos, quero poñer en valor o papel que exercedes para garantir a convivencia veciñal no municipio, un importante cometido no que non podedes decaer”, afirmou ao tempo que brindou a colaboración do Concello “dende o que tamén fomos dando pasos para mellorar as condicións laborais da Policía Local, incrementando o número de efectivos, pero tamén posibilitando maior formación, mellores dotacións e medios materiais modernos e versátiles, co obxectivo de que poidades defender con éxito o voso cometido”, apuntou a rexedora.

Durante o acto, no que se fixo un sentido homenaxe aos axentes caídos, a Policía fixo entrega de diferentes galardóns para recoñecer os servizos prestados tanto polos inspectores como polos oficiais do Corpo local, alén de a representantes doutras forzas e corpos de seguridade e ao persoal doutros organismos e administracións públicas pola axuda prestada á Policía Local de Lugo durante a pandemia. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias