SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro institucional
co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no que abordaron
asuntos de interese para Galiza e Catalunya cun obxectivo claro por
parte da líder do BNG: reforzar e incrementar as relacións no
ámbito económico e da ciencia e innovación entre ambos
territorios.
“Nunha
situación de crise como a actual, no BNG temos o convencemento de
que unha cooperación intelixente, que permita aproveitar sinerxías,
sería moi beneficiosa para ambas nacións”, salientou a líder
nacionalista, quen botou man dos datos para argumentar a súa
posición, empezando polo feito de que Catalunya é o cuarto cliente
por importancia do noso País dentro do Estado, en particular no
sector da agricultura e de bens de equipo e consumo.
A
isto, engadiu, o feito de que nos País catalán hai unha forte
presenza de empresas de orixe e de capital galego, moitas delas
agrupadas na Asociación de empresas galegas en Catalunya. Polo
tanto, indicou, “no Bloque apostamos por unha política de
colaboración e non de confrontación”. “Desde logo, trasladeille
ó presidente Aragonés o interese do BNG en aumentar as relacións
comerciais das empresas galegas en Catalunya, en definitiva, queremos
que as nosas empresas venda máis e mellor aquí, sobre todo
aproveitando a fortaleza de algúns dos nosos sectores produtivos”.
O
outro ámbito que Pontón e Aragonés abordaron na reunión foi o da
colaboración no ámbito científico e de I+D+i, “asunto clave
porque o presente e o futuro pasan pola ciencia e pola innovación”,
alegou. Neste sentido, a portavoz nacionalista destacou que xa existe
unha significativa colaboración no ámbito académico das
universidades, en particular en biomedicina, “que podemos ampliar
porque en Galiza temos centros de referencia nesta área”, pero ao
mesmo tempo explicou que o BNG ten “identificadas” outras áreas
susceptibles de colaboración en mutuo beneficio.
Areas
como o complexo mar-industria, o medio ambiente e a economía
circular ou no terreo da automoción, por exemplo para reducir a
pegada ecolóxica da produción apostando pola busca de materiais
reciclables. A importancia que a líder nacionalista concede a
ciencia e a innovación como base dun modelo económico sustentable
fai que a axenda na capital condal inclúa tamén unha visita ao
ICREA, institución referente en investigación, para coñecer de
primeira man como funciona e como se organiza, tendo en conta que o
BNG defende a creación dunha institución similar para Galiza, o
INNOGAL, que tería como función a captación e retención de
talento e a coordinación dunha estratexia de I+D+i adaptada ás
necesidades do tecido produtivo e da sociedade galegas.
Igualmente,
abordaron o funcionamento do sistema ferroviario de proximidade
catalán, tendo en conta que a formación nacionalista defende a
creación dunha empresa pública,
GALITREN, para a xestión directa do transporte por tren de
proximidade e media distancia, “que permita reverter a actual
situación de recorte de liñas e horarios porque estamos falando do
transporte do futuro”, alegou.
Cambio
de ciclo en Galicia
A
líder do BNG valorou co president a situación política de Galicia
e, na posterior comparecencia cos medios, trasladou que está en
marcha un cambio de ciclo, un cambio galego, e que a formación
nacionalista está en condicións de disputarlle a hexemonía ao PP
co reto e co obxectivo de liderar o próximo goberno da Xunta e que,
“por primeira vez na historia, Galiza teña unha presidente
nacionalista sen dependencias con Madrid e coas mans libres para
defender os intereses dos e das galegas”.
No
encontro, que se prolongou por máis dunha hora, abordaron a
situación política no conxunto do Estado, en particular o papel das
forzas nacionalistas e soberanistas na defensa dos dereitos e das
liberdades e como contrapeso á dereita á extrema dereita. Neste
sentido, ve con preocupación que superado o ecuador da lexislatura o
goberno de PSOE-Unidas Podemos continúe sen cumprir compromisos como
a derrogación da lei mordaza ou a recuperación dos dereitos
laborais arrebatados polo Goberno do PP.
O
encontro con Aragonés prodúcese semanas despois de que en abril a
líder do Bloque mantivese unha reunión institucional co lehendakari
Íñigo Urkullu. Como fixera naquela ocasión, a portavoz nacional
agasallou ó presidente da Generalitat cunha reprodución de
Sargadelos de Rosalía e unha edición do Álbum de estampas que
Castelao realizou baixo o título de Nós.
Pola
tarde, a líder nacionalista, acompañada polo responsable da Área
de internacional da Executiva, Rubén Cela, manterán un encontro con
galegos e galegas que residen en Barcelona que é, despois de Madrid,
a que cidade que máis persoas procedentes de Galiza acolle. Departamento de comunicación