A CORUÑA | A Coruña enfila a conta atrás para a celebración do Gran
Premio de Marcha Cantóns da Coruña - Trofeo Sergio Vázquez, que terá
lugar este sábado na cidade.
Hoxe, na previa da proba, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez,
participou no acto de recepción aos atletas participantes, celebrado na
contorna de Obelisco. Martínez estivo acompañada polo presidente da
Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos;
o expresidente da propia federación, Sergio Vázquez, que dá nome ao
trofeo que se entrega no Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña; así
como varios atletas inscritos na cita de mañá, como Sandra Arenas e Marc
Tur. Tamén estivo presente unha lenda como Jesús
Ángel García Bragado, embaixador mundial da marcha atlética.
No contexto do acto, descubriuse a placa conmemorativa que recoñece
ao Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña - Trofeo Sergio Vázquez como
patrimonio mundial do atletismo. Os mellores atletas mundiais do momento estarán presentes na
trixésimo quinta edición do Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña –
Trofeo Sergio Vázquez. Máis de medio cento de deportistas que
participaron nos últimos Xogos Olímpicos de Tokio competirán na proba,
xa un clásico do atletismo mundial. O Gran Premio comezará ás 16.00
horas coas probas de categorías inferiores, seguidas dos 20 km.
femininos (17.00 horas) e os 20 km. masculinos (19.00 horas). Departamento de comunicación