O CARBALLIÑO | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou ao
músculo municipal socialista, con 110 gobernos e o 62 por cento da
poboación, como argumento para “alcanzar a Xunta en 2024”. Así o dixo
nunha convención municipal dos socialistas ourensáns que se celebrou en O
Carballiño, no que participaron os principais referentes municipais do
partido na provincia.
Formoso defendeu o proxecto
socialista que defende “unha Galicia nova, máis ilusionada”, e apuntou
ao “traballo que temos por diante” para “escoitar aos sectores que
requiren de ilusión e de confianza”. Apuntou ao traballo do PSdeG, “con
humildade, con moito compromiso e moito percorrer o país” para conformar
unha alternativa de goberno.
Así o dixo logo de apelar
ao respaldo crecente dos socialistas galegos que vén de reflectir a
enquisa de Sondaxe coñecida hoxe “na que se estanca o nacionalismo,
baixa o PP, e a única forza que medra é o PSdeG”.
O líder
dos socialistas galegos apelou á forza municipal do PSdeG, que goberna 5
das 7 grandes cidades, ademais das deputacións de A Coruña, Lugo e
Pontevedra, e que evidencia que “somos a plataforma na que a cidadanía
deposita a confianza na parte institucional que máis lle preocupa e
afecta no seu quefacer diario”, como son os gobernos municipais.
O
responsable socialista chamou a “devolverlle a dignidade con compromiso
e ilusión” a Ourense, co obxectivo de “mandar ao caixón da historia ao
baltarismo, a Jácome e a todo aquelo que fai sentir vergoña a esta
marabillosa provincia e ás súas vilas”. Sinalou que “hoxe o PSdeG vén a
lanzar unha mensaxe de optimismo e de futuro a unha terra que toda
Galicia quere e admira como é Ourense
Así o dixo antes do
acto de O Carballiño, que contou coa presenza do presidente da Femp,
Abel Caballero, da Fegamp, Alberto Varela, a presidenta da Deputación de
Pontevedra, Carmela Silva, o secretario provincial, Rafael Rodríguez
Villarino, e o alcalde da localidade, Francisco Fumega.
Futuro
O secretario provincial do PSdeG de Ourense,
Rafael Rodríguez Villarino, resumiu a mensaxe dos alcaldes socialistas
de Ourense: “xa está aquí o futuro”. Engadiu que “por fin esta provincia
vai deixar de conformar o reduto do clientelismo e da dereita en
Galicia para ser un lugar de progreso onde poidamos desfrutar da
alternativa que tanto necesitamos”.
O anfitrión do acto
foi precisamente o alcalde de O Carballiño Francisco Fumega, quen
agradeceu a presenza dos referentes socialistas para “perfilar e reunir
experiencias de cada alcalde” co obxectivo de “apoiar dende o poder
municipal ao noso secretario xeral no camiño á Xunta de Galicia”.
Lembrou o perfil de Formoso como alcalde de As Pontes como aval para
liderar unha alternativa política “que cre na Galicia do futuro”. Departamento de comunicación