MADRID | O
deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado incluír
ao Concello de Narón na zona de transición xusta das Pontes e no Plan de acción
urxente para as comarcas de carbón e afectados polo fechamento de centrais no
período 2019-2021. A organización nacionalista demanda que non se discrimine a
este municipio, tamén afectado polo fechamento, e garantir a igualdade de
oportunidades, do concello en xeral e do seu tecido empresarial de forma
especial, no acceso ás axudas que se estabelezan para impulsar novos proxectos
de desenvolvemento na comarca de cara a paliar os efectos do fechamento na súa
economía.
O Concello de Narón e a Asociación
de Empresarios da comarca de Ferrol reclamaron ao Ministerio para a Transición
Ecolóxica e o Reto Demográfico incluír a este municipio na “Zona de Transición
Xusta das Pontes” que recolle un plan de acción urxente para esta comarca do
carbón e afectados polo fechamento de centrais no período comprendido entre
2019 e 2021. Actualmente no plan para esta comarca están incluídos os concellos
de Cabanas, A Capela, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Muras,
Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Vilalba e Xermade.
“Sorprendentemente neste listado non
se atopa o Concello de Narón, localidade que pola súa traxectoria empresarial e
localización padecerá tamén as consecuencias derivadas do anuncio de fechamento
da central térmica das Pontes” explica o deputado nacionalista. De facto, Narón
está considerado na actualidade o motor industrial da comarca de Ferrol -posúe
o terceiro polígono industrial máis grande da Galiza- asentándose decenas de
empresas auxiliares da térmica pontesa, subministradoras de material e
servizos. “O impacto, polo tanto, será maior en Narón que noutros concellos e
podería derivar en que moitas destas empresas deban cesar a súa actividade pois
o seu grado de implicación e dependencia coa central é moi importante” subliña
Rego.
A organización nacionalista
entende que é necesario dar un trato igualitario ao conxunto de concellos que
conforman a comarca de Ferrol e garantir por parte do MITECO a igualdade de
oportunidades para todos eles no acceso a axudas que se estabelezan para
impulsar novos proxectos de desenvolvemento na comarca. “A xeración e o
mantemento do emprego e a xeración de alternativas de negocio deben garantirse
tamén en Narón, máis neste momento, ante a crítica situación que atravesa a
cidadanía polo actual contexto de crise económica e a suba descontrolada de
prezos” destaca Néstor Rego.
En opinión do deputado
nacionalista, as medidas que se tomen non poden deixar atrás o Concello de
Narón e o seu tecido empresarial, que debe ser incluído para frear a posíbel
perda de poboación, e evitar lastrar a competitividade empresarial de Narón. Cabe destacar que o pasado mes de
novembro, o Concello de Narón aprobaba por unanimidade unha moción na que
instaba os gobernos do Estado e da Xunta de Galiza a realizar as xestións
necesarias para incluír a Narón no ámbito xeográfico do convenio de Transición
xusta das Pontes co fin de que puideran optar ás mesmas axudas que o resto de
municipios afectados polo fechamento da térmica, porén, aínda non se coñece nin
se fixo público ningunha acción neste sentido, mais o concello non pode seguir
agardando. Departamento de comunicación