El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

ARTES POLA INTEGRACIÓN

A colaboración co prestixioso festival Escena Mobile de Sevilla trae dúas obras ao XI Encontro Artes pola Integración

01-06-2022 20:01:19
El roce hace el camino.

A CORUÑA | A colaboración entre o festival Escena Mobile de Sevilla e o  XI  Encontro Artes  pola integración, que se celebrará na Coruña os días 17, 18 e 19 de xuño, achegará ao público coruñés dúas pezas estreadas nas súas últimas edicións. Trátase de “El roce hace el camino”, peza representada pola compañía Vaciarte que logrou o segundo premio no certame sevillano na súa edición 2022 e que poderá verse no Forum Metropolitano da Coruña a partir das 20:00 horas do 17 de xuño, e de “Soy todo el mundo”, peza creada por Laura Morales xunto ao bailarín  Helliot Baeza e que poderá verse o domingo 19 de xuño, na praza de  Azcárraga, ás 17:00 horas. Curiosamente, outra das pezas programadas para a primeira xornada do  Encontro, “Arnasa”, de Organik Dantxa, acaba de resultar galardoada co terceiro premio neste prestixioso festival sevillano.

En canto á súa programación completa, o evento arrincará no Forum Metropolitano da Coruña o venres 17 de xuño, ás 20:00 horas e con entrada libre ata completar capacidade, coa presentación do festival a cargo da actriz María Vázquez para, posteriormente, asistir a dúas representacións teatrais: a peza curta anteriormente mencionada, “El roce hace el camino”, que conta coa  importantísima colaboración do prestixioso festival Escena Móbile de Sevilla e, a continuación, a obra “No confieso”, dirixida polo actor Javier Collado e Alma García a partir do proceso de residencia de catro alumnos/ as na Ribeira Sacra e na Coruña. A primeira xornada do XI Encontro Artes pola Integración chegará ao seu fin con Organik Dantxa e a obra de danza inclusiva “ Arnasa”, ideada e dirixida por Natalia Monge.

O sábado 18 o evento trasládase a uns Xardíns de Méndez Núñez onde, ás 11 da mañá, dará comezo a Asemblea Diversa, mesa moderada por Manuel Aguilar onde se coñecerán os proxectos seleccionados por Cultura Inclusiva da Fundación Emalcsa. Ademais, Manuel Olveira falaranos sobre “Artes plásticas e visuais e inclusión”,  Eugene Van Erven sobre o Festival Internacional de Artes Comunitarias de Bélxica, Vicente Galaso sobre “Artes inclusivas na enfermidade mental” e Encarna Lago sobre a “Transformación social a través das artes nos museos”.

Xa na xornada de tarde, ás 17:00 horas, poderemos asistir á presentación de La Pequena Bauhaus, marca deseñada por nenos/ as e adolescentes - con e sen diversidade funcional - creada en colaboración con diferentes artistas durante o SacraExperience. Posteriormente, ás 18:00 horas, a compañía de danza integrada do Colexio O Pelouro de Tui,  Eudanza, representará a obra “La danza del yo”, dirixida por Laura  Llauder.

A segunda xornada do XI Encontro Artes  pola Integración finalizará a partir das 19:00 horas coa representación de “No me toques el secreto”, de  Experimentadanza, unha peza onde tres mulleres, Clara, Carlota e unha cadeira de rodas, descobren a existencia de lugares onde, se os tocas, rexorden emocións profundas que nos aproximan máis á vez que nos afastan dos nosos propios medos.

Esta cita coas artes e a inclusión chegará ao seu fin na xornada do domingo 19 cando, a partir das 17:00 horas e na praza de Azcárraga, o público asistente poderá gozar da representación  de “Soy todo el mundo”, peza creada por Laura Morales xunto ao bailarín Helliot Baeza e que tamén forma parte da colaboración entre o Encontro e o festival Escena Móbile de Sevilla.. Finalmente, o broche de ouro desta undécima edición do Festival Artes pola Integración correrá cargo do DJ coruñés Fernando Grobas (DJ Grobas) e do prestixiosos DJ francés Pascal  Kleiman, músico que naceu sen brazos debido a unha malformación provocada por un medicamento que tomou súa nai durante o seu embarazo e que non impediu que triunfe pichando cos seus pés en diferentes discotecas e pistas de baile. Todo un  privilexio, sen dúbida, para o público coruñés. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias