A CORUÑA | O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denuncia a falta de vontade
política para descender ao pecio do Villa de Pitanxo, afundido hai máis
de tres meses en augas de Terranova (Canadá). O sindicato defende a
importancia desta actuación porque pode ofrecer información fundamental
para a investigación das causas da maior traxedia da pesca galega no
último medio século (nove mortos e doce desaparecidos).
Ao tempo
que o Goberno de España escatima medios técnicos e negase a recibir as
familias para explicarlle a situación, o Instituto Español de
Oceanografía emprenderá este domingo 5 de xuño, unha expedición no buque
Vizconde de Eza, con fins de investigación nas mesmas augas en que
afundiu o pesqueiro con base en Marín. En colaboración co Instituto de
Investigaciones Marinas e co Instituto Português do Mar e da Atmosfera, a
entidade oceanográfica estará tres meses en Terranova, do que se
desprende un importante investimento en medios técnicos, humanos e
loxísticos que tamén se poderían ter aproveitado para unha incursión ao
pecio do Villa de Pitanxo.
O buque oceanográfico B/O Vizconde de
Eza, construído para a antiga Secretaría Xeral do Mar (actual Secretaría
Xeral de Pesca), é unha aposta do Ministerio de Agricultura,
Alimentación e Medio Ambiente para analizar e avaliar o estado dos mares
e está especializado na procura de novos caladoiros en augas profundas,
aínda que realiza en termos xerais campañas de investigación: polas
súas características, o Vizconde de Eza, de 53 m de eslora e 13 m de
manga, é un dos buques de investigación pesqueira e oceanográfica máis
sofisticados do mundo. O seu sistema de posicionamento dinámico é único
en España e permítelle permanecer nun mesmo punto sen variar a súa
posición, compensando as condicións adversas de ondada, correntes ou
vento. O seu casco, reforzado na proa, permítelle traballar entre xeos
flotantes. Ademais pode realizar levantamentos de fondos de ata 5.000 m
de profundidade. O buque dispón dun vehículo de operación remota
submarina ( ROV) para gravar imaxes submarinas e para a toma de datos
oceanográficos. (presentación de datos ofreciudos polo Ministerio de
Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente)
CCOO, que desde o
primeiro momento se puxo a disposición das familias das vítimas, lamenta
que o Goberno central amose tal falta de empatía. Tamén lle reprocha as
constantes escusas para non atender unha reivindicación que, ademais de
lexítima, pode ser crucial para evitar que unha nova traxedia desta
dimensión cobre máis vidas de traballadores do mar. Non podemos
entender, que desplazandose un buque destas caracteristicas nunha
expedición de tres meses a zoa onde a fundiu o Vila de Pitanxo, non
fixera unha planificación da posibilidade de isnpeccionar o pecio do
barco siniestrado.
Comisións Obreiras seguirá traballando —en
comunicación constante coas familias— para esclarecer a verdade e
chegará á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e
Incidentes Marítimos (CIAIM), —entidade adscrita ao Ministerio de
Transportes— para que teña en conta todos os aspectos que puidesen ter
incidencia neste sinistro. As Autoridades non poden vir a enterrar aos
mortos e ofrecerlles as familias todo o seu apoio, e agora non prestar a
mínimo intres en investigar con todos os medios o motivo do accidente, e
si non se fai o polo menos se intenta, unha inspección do pecio o
suceso non poderá esclarecerse con todas as garantías. Departamento de comunicación