SANTIAGO DE COMPOSTELA | O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, anunciou
hoxe que o PSdeG proporá, na xuntanza do vindeiro luns co presidente da
Xunta, un modelo alternativo para unha Galicia “que ten fame de futuro,
de ilusión e de talento”. Unha Galicia, en definitiva, “mellor, máis
optimista, máis moderna e máis europea”, proclamou.
Así o
expuxo ante os medios de comunicación tras manter unha reunión coa
Comisión Permanente da Executiva do PSdeG que serviu para preparar a
definir os aspectos esenciais que se van tratar na xuntanza con Alfonso
Rueda. Tres son os puntos fundamentais que vai trasladar o PSDEG: un
novo modelo sanitario, un novo modelo de protección con garantía pública
para as persoas maiores e un novo modelo económico.
Novo modelo fronte ao colapso sanitario
No
primeiro destes aspectos, Formoso explicou que reclamará que a Xunta
afronte “de maneira urxente” medidas claras, contundentes e orzamentadas
para resolver o colapso sanitario “que está a afectar a todos os
ámbitos do sistema galego”. Así, fronte a unha atención primaria que
hoxe está “reducida a unha liña de atención telefónica”, o PSdeG proporá
que se modifique a Lei de saúde pública de Galicia para que calquera
paciente poida ter un ditame mínimo nun prazo de 48 horas.
Por
outra banda, e “despois da revolución dos responsables de medicina
interna do Sergas”, o líder dos socialistas galegos avogou “facer caso
ao mundo sanitario, comprender as súas necesidades e modificar a
política laboral do Sergas para ir ao tope de concentración de médicos
nas convocatorias MIR que fai o Estado”. Preténdese, deste xeito, “que
non ocorra o que está a pasar en Galicia, con moitas prazas vacantes”.
Apostou, ademais, por reforzar o sistema de enfermería e “ser capaces,
con estas medidas, de acortar claramente os tempos de espera dos
pacientes para ter un criterio dunha especialidade hospitalaria”.
En paralelo, Valentín González Formoso lamentou tamén o colapso das
urxencias sanitarias, onde un paciente ten que agardar ata 48 horas para
que lle asignen unha habitación. Trátase, dixo, dun escenario “máis
propio de Jarkov, en Ucraína, que da Coruña ou Vigo, en Galicia”.
Por
iso, “para evitar esa fotografía que se dá nos corredores dos hospitais
galegos”, Formoso defendeu a dotación de máis orzamento e de máis
medios para resolver de maneira inmediata esa situación “que
están a vivir moitos galegos e galegas”. Ao tempo, reivindicou que se
descargue de tarefas administrativas aos profesionais sanitarios e que
se adapten os complexos hospitalarios a esa realidade.
Un novo modelo de atención aos maiores
Como
segundo eixo da reunión con Rueda, o PSdeG propugna un novo modelo de
atención sociosanitaria no eido da terceira idade. Tras as imaxes da
pandemia en moitas residencias privadas, “onde os maiores estiveron a
sufrir coidados moi deficientes”, Formoso defendeu que se garanta “un
trato mellor dende o público”.
Nesta liña, demanda a
promoción de residencias de titularidade pública, e onde os postos
esencias de dirección e inspección estean tamén ocupados por persoal
público. Con este obxectivo, o PSdeG solicitará a creación dun corpo
público de inspectores para controlar a calidade asistencial nas
residencias.
Un novo modelo económico para reindustrializar Galicia
Finalmente,
no eido económico, o secretario xeral dos socialistas galegos anunciou
que o PSdeG proporá un novo modelo “que teña en conta a necesidade de
reindustrializar un país que perdeu 60.000 postos de traballo no sector
industrial na última década”. Iso, afirmou, require da “utilización
intelixente das súas potencialidades naturais” para que Galicia colidere
“a revolución verde”.
Na liña do que marca a Unión Europa, avogou polo
impulso do hidróxeno e as enerxía renovables. Para iso,
Formoso insistiu na necesidade de poñer en marcha unha axencia
enerxética que teña a capacidade de detectar os proxectos estratéxicos
que permitan garantir o futuro daquelas empresas galegas tractoras para
moitos territorios do país. Incidiu ademais na presenza pública no
accionariado deses proxectos estratéxicos. “Non
renunciemos”, subliñou, “a ser líderes nesa nova tecnoloxía que se chama
hidróxeno e que pode garantir a retención e a recuperación de talento
dunha mocidade que quere ter unha oportunidade para medrar e desenvolver
os seu proxecto vital en Galicia”.
Con esta folla de
ruta, Formoso explicou que o PSdeG anunciará que irá coa “man tendida” á
reunión con Rueda, pero sempre reclamando “o que é imprescindible para
Galicia”. “Naqueles asuntos que se requira acordo de país”, concluíu,
“os e as socialistas imos estar á altura das circunstancias e
priorizando o interese xeral sobre o partidista, como nos reclama nestes
momentos a cidadanía”.
Dignificar Ourense
Tras incidir en que “temos que centrarnos nos temas máis urxentes de
país”, Valentín González Formoso indicou que a situación política en
Ourense tamén pode requirir atención na xuntanza do luns con Rueda. Lembrou
que o PSdeG xa suscitou un acordo para resolver a situación dun alcalde
“que está restando dignidade a unha cidade que non se sente
representada por el”. En
calquera caso, advertiu que Baltar, “por
manterse na Deputación, é capaz de arrestar e ter retida a vontade do
PP a nivel galego” contra os intereses dunha cidadanía que reclama
“dignificar Ourense”. Departamento de comunicación