SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mantivo hoxe
a súa primeira reunión institucional co presidente da Xunta, na que
contrastou un modelo de país “resignado” representado por Rueda e o PP
coa “ilusión e esperanza” dos socialistas galegos. Así o dixo logo dun
encontro que valorou como “cordial, pero non todo o produtivo que
quixera”.
Formoso presentou tres propostas en outros tantos
eixos centrais para un novo modelo de país, que pasan pola sanidade, a
economía e a atención aos maiores. Urxiu a Rueda a tomar medidas dentro
das competencias e do ámbito de actuación propio do goberno galego
porque, sinalou, “a Xunta non pode estar nun simpa permanente co Estado e
cos galegos e as galegas, senón que tamén ten que facer deberes”.
Neste
sentido reivindicoulle ao presidente da Xunta que tome nota das
competencias propias para axudar aos galegos e ás galegas no momento
máis difícil das últimas décadas, logo dunha pandemia e padecendo os
efectos da guerra de Ucraína. Confirmou que os socialistas galegos
“nunca deixaremos de lado as reclamacións que se poidan facer dende
Galicia ao goberno do Estado”.
Explicou que as propostas socialistas parten dun “substrato de
experiencia na xestión” a través das 3 deputacións provinciais e os
pobos e cidades dende os que gobernan ao 62 por cento dos galegos e das
galegas. Sinalou que “non estamos a soñar Galicia”, senón que
“presentamos unha oferta de país real, que xa estamos a construír nos
ámbitos institucionais que o socialismo hai moitos anos que goberna día a
día”.
Neste sentido, explicou que ao pedir o aumento da
partida para o Servizo de Axuda ao Fogar e á atención á Dependencia, así
como liñas de axudas aos transportistas, agricultures, gandeiros ou
pescadores “son medidas que xa estamos a facer dende as deputacións
provinciais nas que gobernamos”.
Sanidade
Formoso propuxo medidas urxentes fronte ao
colapso sanitario de Galicia, destinando 140 millóns de euros máis no
orzamento de 2023 para comezar a recuperar os preto de 1.000
profesionais sanitarios que Galicia perdeu dende 2009. Reclamou ademais a
incorporación dun máximo de 48 horas para ter diagnóstico inicial en
atención primaria e rematar coa subcontratación e a inestabilidade na
plantilla do Sergas.
En materia económica, urxiu a
modificar o modelo económico para impulsar aos sectores estratéxicos,
incrementando o investimento do I+D+i, hoxe por debaixo do 1 por cento
do PIB, ata a media nacional do 1,41 por cento nun prazo de 2 anos. Ademais,
reivindicou a aposta polas enerxías renovables reclamándolle á Xunta
que se adhira ao pacto eólico impulsado polos socialistas galegos e
habilitando a participación pública nos proxectos tractores para o
territorio a través do Inega.
O secretario xeral do PSdeG
apuntou en concreto á necesidade de que a Xunta autorice antes do 30 de
setembro os parques eólicos que precisa Alcoa para sustentar o consumo
eléctrico futuro, e antes do 31 de decembro aqueles que permitan facer
viable a primeira planta de hidróxeno verde de Galicia.
Ademais,
propuxo dúas medidas concretas para afrontar a inflación, que parten da
reversión nos galegos e as galegas, a través de liñas de axuda, a
metade dos 550 millóns de euros recadados polo tramo autonómico do
imposto de hidrocarburos. Tamén propuxo incrementar o mínimo exento do
tramo autonómico do IRPF, que permitiría rebaixar 430 euros a 1 millón
de galegos e de galegas.
Finalmente, propuxo reforzar a
protección social dos maiores, logo das imaxes “preocupantes” reveladas
durante a pandemia e en datas recentes sobre a falla de calidade do
servizo dos usuarios das residencias. Lembrou que o PP “non promoveu
unha soa residencia pública” dende a chegada ao goberno de Feijoo en
2009, polo que reivindicou un “modelo de residencias públicas, dirixidas
por persoal público da Xunta.
Explicou que a sanidade, a
economía e a protección social dos maiores son “3 eixos da base do
proxecto de futuro para unha Galicia que espera unha realidade máis
ilusionante” que a que lle ofrece o goberno do PP. Resumiu que son “os 3
piares da Xunta de Galicia que Galicia ansía e que o PSdeG quere
liderar, e que ofrece aos galegos traballando con cercanía, humildade e
determinación”. Departamento de comunicación