OURENSE | A portavoz
nacional, Ana Pontón, participou en Ourense nun acto público dentro da campaña
que o BNG desenvolve por toda Galicia baixo o lema `'Os prezos soben, os teus
cartos baixan', que aproveitou para explicar as propostas da formación para
paliar os efectos da espiral inflacionista, que sitúa o IPC ó borde dos dous
díxitos, con cifras que non se recordaban nos últimos 40 anos.
Nun acto, no que tamén participou o
portavoz municipal, Luís Seara, a líder do Bloque destacou que a peor crise de
prezos en catro décadas “require medidas urxentes”, e por iso o BNG presenta “un
plan de choque” para mobilizar 700 millóns de euros destinados a paliar os
efectos dunha inflación descontrolada.
“Son as medidas que tomaría un goberno
do BNG ante a subida de prezos que está afogando ás familias, á clase
traballadora e ás empresas”, salientou a portavoz nacional, en contraposición á
parálise dun goberno do PP que non ten alternativas ante o impacto da escalada
de prezos, máis aló da receita fracasada de baixar impostos á quen máis ten e,
dese xeito, seguir debilitando o sector público que se financia, precisamente,
vía fiscal.
Pontón detallou as principais propostas
dese plan de choque, que inclúe un fondo de recaste social por importe de 90
millóns de euros para axudar ós colectivos máis desfavorecidos con medidas como
incrementar o complemento autonómico das pensións non contributivas, as de
menor contía; mellorar a prestación da RISGA e facer que sexa compatible coa
percepción do ingreso mínimo vital; así como incrementar as axudas para
sufragar os gastos básicos de vivenda para as rendas máis baixas.
A segunda gran liña de actuación é un
fondo de rescate económico dotado con 175 millóns de euros destinado ós sectores produtivos e
ás PEMES, con medidas como un programa para incentivar o consumo no comercio
local e hostalería, e 40 millóns para o sector primario, tanto agrogandeiro como
pesqueiro, en ambos casos moi afectados nos custes de produción polo incremento
de prezos dos combustibles e da enerxía.
O plan de choque inclúe como terceira
medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en
vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325
millóns de euros. En cuarto lugar, un fondo de apoio ós concellos de 35 millóns para
compensar a subida da factura da luz e dos carburantes, así como para cubrir a
revisión de prezos nos contratos de obra da administración local, que afectan
sobre todo á pequena empresa con implantación local.
Por último, o plan que formula o BNG
inclúe un fondo de liquidez de 75 millóns para facilitar liñas de
financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas. A líder nacionalista
tamén avanzou que xunto con estas medidas de urxencia, o Bloque está traballando
en medidas a medio e longo prazo de carácter estrutural en aras de modernizar e
transformar Galicia, en base a cinco áreas estratéxicas.
Área financeira, coa creación dun instituto
de crédito e investimento; área enerxética coa creación dunha empresa pública
de enerxía e unha tarifa eléctrica galega; área de reactivación industrial,
para reverter o proceso de desertización na industria da última década e área
de reactivación do sector primario, para avanzar na soberanía alimentaria, na
produción de alimentos de calidade e na recuperación do medio rural. “O que non podemos é ter
un goberno do PP cruzado de brazos, o que urxe é tomar medidas para frear o
empobrecemento da maioría social”, concluíu a líder nacionalista. Departamento de comunicación