El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | PESCA

O BNG require ao Goberno rectificar os topes de captura no abadexo para 2022

09-06-2022 11:54:02

MADRID | O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado rectifique a súa decisión de restrinxir a pesca do abadexo na zona CIEM 8C para 2022. A organización nacionalista, a través do seu deputado na cámara baixa, reclama ao executivo que conte coa opinión do sector para avaliar as posibilidades reais e levar a cabo os estudos que sexan precisos sobre o nivel do stock para tomar unha mellor decisión e que estea respaldada polo sector afectado.

O borrador da Resolución da Secretaría Xeral de Pesca sobre a disposición da pesca do abadexo na zona CIEM 8C (POL/08 C) recolle o estabelecido no Regulamento (UE) 2022/109, do 27 de xaneiro, polo que se establecen para 2022 as posibilidades de pesca para determinadas poboacións e grupos de poboacións de peixes en augas da Unión Europea. Este regulamento fixa un stock de 166 toneladas de abadexa, das que ao Estado español correspóndelle 149, a mesma cantidade que en 2021. Unha vez sumado 5% da cota do POL/9/3411 na zona 8 C (9,8  Tn.), e o sobrante dispoñíbel de 2021 (17  Tn.), chega ás 175,8  Tn, superior ás 160  Tn. fixadas para 2021.

En opinión da organización nacionalista, o borrador non reflicte a realidade porque conleva un “enfoque precautorio” e mesmo a propia Secretaría Xeral de Pesca admite esta visión ante a escasa información respecto da abundancia e o nivel de explotación do stock. “O que é aínda máis grave é que a Administración do Estado non se puxo en contacto co sector da pesca profesional para avaliar a situación e obter información fidedigna” recrimina o deputado do BNG.

Alén do máis, a distribución estabelecida pola Administración nos topes de capturas de quilos de abadexo por barco e semana en cada trimestre “supón un agravio para a pesca artesanal”. Para o deputado nacionalista, resultan moi significativos os recortes se temos “en conta que o abadexo nunca pechou por sobrepesca, nin sequera se tivo que restrinxir a pesca porque hai anos que a cota sobra”. O reparto proposto, deixa o groso da cota para os meses finais do ano, momento en que a maioría da frota se dedica á pesca doutras especies para aproveitar a campaña do Nadal, mentres que apenas se permiten capturas no resto do ano.  

“Todo isto está a provocar un profundo malestar nas confrarías e entre os patróns e as tripulacións das embarcacións que ven como se lles vai a impoñer unha cota moi restritiva nunha especie que nunca a tivo e que nunca a necesitou, cuns topes inasumíbeis para a frota artesanal e que significarían, na práctica, que un barco de artes menores -de 3 e 4 tripulantes- só podería pescar unha ou dúas pezas de abadexo á semana neste trimestre” salienta Rego. Ademais, ve inxustificábel que se estabelezan esas cotas cando a Administración non posúe ningún estudo que avale a decisión.

Néstor Rego reclama a rectificación do Goberno neste borrador e demanda un diálogo co sector afectado para que poida coñecer e avaliar as posibilidades reais en canto á pesca do abadexo en 2022. Paralelamente, o BNG require ao executivo levar a cabo os estudos precisos que proporcionen información sobre o nivel do stock para, posteriormente, tomar as decisións, sempre en contacto permanente co sector afectado.  

“O sector entende perfectamente os topes de captura e é o primeiro interesado en practicar unha pesca sostíbel e que lles garanta o seu medio de vida, pero é imprescindíbel que poida pescar durante todo o ano e que a distribución sexa razoábel” subliña o deputado do BNG.  Medidas como a que se quere poñer en marcha só serviría para incidir na inviabilidade, cada vez maior, da frota pesqueira galega, concretamente das artes menores, que xa a día de hoxe ve perigar claramente a súa actividade. “Só suporía perdas, e non só para as embarcacións e as tripulacións senón tamén para as lonxas, os compradores e os demais postos de traballo indirectos e, en definitiva, para a economía das zonas costeiras galegas” alerta Rego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias