SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe
que “Castelao estaría orgulloso” da supresión do voto rogado para
facilitarlle o voto aos emigrantes galegos. Así o dixo nun encontro por
videoconferencia con representantes da emigración galega que mantivo
hoxe dende Santiago.
O responsable socialista salientou o
acordo do pasado xoves para iniciar o trámite parlamentario de reforma
da Lei de Réxime Electoral Xeral, que está previsto rematar en setembro,
co que “devolvemos a posibilidade democrática de exercer un dereito que
nunca se debera ter retirado”. Reivindicou o dereito ao voto para estes
“galegos e galegas emigrados nos distintos países representan o mellor
de Galicia e axudan a construír país”.
Trasladou hoxe o
“orgullo” polo “consenso tan amplo para reparar esta situación”, que
“fará que a galeguidade poida volver ter o vínculo político que ten no
emocional, no histórico, na tradición e que como socialistas estamos
francamente orgullosos da súa recuperación”. Salientou que a votación do
pasado xoves acadou a “unanimidade máis ampla dos últimos anos”, con
339 votos a favor, 2 en contra e 1 abstención.
Salientou
que esta reforma permitiría “devolverlle a Castelao a capacidade de
votar e preocuparse por Galicia politicamente”, o mesmo galeguista que
“tanto se preocupou por Galicia, que tanto soñou cun país distinto dende
o exilio na Arxentina, onde propuxo e debullou medidas para que Galicia
deixara atrás o caciquismo e a longa noite de pedra”.
Lembrou
que a nova tramitación prevé “novas modalidades, facilidades e
garantías de voto” logo de que coa incorporación do voto rogado a
participación tivera caído dende o 30 ou 40 por cento en procesos
electorais normais ata un “irrisorio 2 por cento”. Formoso
mantivo hoxe un encontro por videoconferencia cunha ducia de
representantes da emigración galega en Europa no que tamén participaron
o secretario de Galeguidade da Executiva do PSdeG, Antón Leis, o
secretario de Emigración do PSdeG de Ourense, Luis Gulín, ou a ex
parlamentaria autonómica Marisol Soneira
Altri
O líder dos socialistas galegos reclamoulle á
Xunta “seriedade” na defensa dos proxectos empresariais que optan aos
fondos europeos, e advertiu que “non se pode xogar coa xente”. Referiuse
así ao proxecto da planta téxtil de Altri, que “primeiro tiñan
garantido que se instalaría na Mariña, despois foi en Palas, despois xa non
estaba tan garantido porque depende de fondos europeos, e despois
depende de que aporten 200 millóns”.
Fixo un chamamento á
Xunta para que “antes de anunciar o lugar de ubicación, ten que ter
claridade e garantir cos recursos suficientes para que se instale, e se
ten que ter unha suplementariedade de fondos da Xunta, vamos apoiar que a
haxa”. Sinalou que “non vamos permitir que por 15 ou 20 millóns de
euros do goberno galego deixe de instalarse un proxecto que pode mudar e
diversificar o sector forestal galego”.
Reclamoulle así
ao presidente da Xunta que cumpra co que asegurou na xuntanza da semana
pasada co líder dos socialistas galegos, cando, dixo Formoso, se amosou
favorable a suplementar a consolidación de proxectos con fondos
autonómicos”.
Confirmou a “posición clara e rotunda dos
socialistas galegos na defensa dos proxectos solventes para Galicia”, e
reclamoulle á Xunta “que identifique e priorice proxectos tractores para
Galicia, que deben de negociarse co Estado co soporte de promotores
serios e solventes que falen claro”.
Sinalou que “temos
que mirar polo noso, por Galicia, igual que outros territorios mirarán
por si mesmos”. Emprazou a “ser realistas, sentarse cos promotores e ver
das necesidades de financiamento dende o ámbito público, canto podemos
cos Pertes e con fondos propios do Estado e tamén da propia Xunta de
Calicia”. Departamento de comunicación