SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, empezou a sesión de control destacando ante o
presidente da Xunta que hoxe os galegos e as galegas son un 9,6% máis pobre,
por unha inflación que está por riba da media estatal nunha Galiza que, en
cambio, ten pensións e salarios máis baixos que no conxunto do Estado.
A líder do BNG instou ao xefe do
Executivo a poñerse na pel da maioría social ante esta crise de prezos. “Como
pensa que se sente un traballador, unha traballadora que a día 20 xa está en
números vermellos, cando entra no supermercado e ten que pagar un 42% máis polo
aceite, un 32% máis polos de ovos, un 15% máis polo leite ou un 12% máis polo
pan. Aceite, ovos, leite, pan, produtos básicos na cesta da compra das familias”,
destacou.
Afondando nos datos, Pontón citou a
subida do 33% da bombona de butano, case en 20€, o incremento do 47% da
gasolina, que ten convertido en “artigo de luxo” encher o depósito, ao que se
suma a “estafa” legalizada da factura da luz. Subidas do 33, 42, 47% en bens de
primeira necesidade, que contrasta coa subida salarial do 3,7% recollida nos
140 convenios colectivos asinados até maio.
“Bote contas señor Rueda e comprenderá
porque a miles de galegos e de galegas lles sobra moito mes ao final do seu soldo”, recalcou,
para a continuación criticar a inacción do goberno do PP, “instalado na propaganda, en botar balóns fora
e en ser o Partido Popular do non á todo o que beneficia a Galiza: non á tarifa eléctrica galega para
abaratar a factura da luz, non a unha empresa pública de enerxía, non a unha subida de impostos ás
eléctricas que se están forrando”, recriminou.
Ante un PP instalado no non, o BNG pon
sobre a mesa propostas, explicou, empezando por aquelas dirixidas ás persoas
con menores ingresos, como subir o complemento autonómico das pensións non
contributivas, incrementar a RISGA e
facela compatible coa prestación do IMV e aumentar as axudas para gastos
básicos de vivenda.
Igualmente, axudas directas ós sectores
produtivos máis impactados pola crise, “e desde logo, subirlle os impostos ás
eléctricas e as petroleiras que coa súa
especulación estanse literalmente forrando a costa de roubarlle aos galegos e
galegas”, subliñou Pontón.
A líder nacionalista lamentou que por
toda resposta Rueda se limitase a “culpar de todo ao BNG, o propio dun goberno
inútil”, criticou, reprochándolle ademais a “docilidade” demostrada ante
vicepresidenta de Economía, Nadia Calviño, valorando como moi positivo un
encontro que rematou sen ningunha inversión concreta para Galiza. “Nada para
Galiza, pero o dócil presidente da Xunta saio todo contento da xuntanza”,
ironizou, “ten que traballar máis e suar a camiseta de Galiza”.
11.600 millóns de orzamento, cero propostas
Recordoulle que o Goberno do PP xestiona
11.600 millóns de euros o que lle da capacidade para adoptar medidas contra a crise de prezos
“senón o fan o porque non queren”, recalcou, tras destacar que o Bloque propón
mobilizar 700 millóns, “hai recursos: o ano pasado deixaron sen gastar
mil millóns de euros, só con executar ben e reorientar os recursos hoxe a
situación da maioría social sería mellor”.
Pero, alegou Pontón, o Executivo de
Rueda prefire seguir buscando culpables en lugar de dar solucións e gobernar
para as eléctricas. “Que lle impide defender unha subida dos impostos ás
eléctricas? Non é Madrid, senón o abrazo de Feijóo con Iberdrola, iso é o que
lle impide defender unha medida xusta porque gobernan para os que máis teñen,
para as empresas amigas do PP e para o lobby eléctrico e imos pararlle
os pés ó boom eólico especulativo”.
“Mentres vostedes se rin, hoxe moitos
galegos e galegas están asfixiados pola crise de prezos”, lamentou, “este País
precisa un goberno e non simplemente xente quentando unha cadeira”, concluíu. Departamento de comunicación