SANTIAGO DE COMPOSTELA | O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, adiantou hoxe que Galicia vai contar cun plan para a formación e a incorporación das mulleres ao sector da minería, recollido na Axenda de Impulso da Minería Sostible que prepara o Goberno galego de cara ao 2030.
Conde interveu hoxe no segundo Simposio Muller e Minería, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas e Enerxía de Galicia e a Cámara Oficial Mineira, onde apuntou que a Axenda de Impulso da Minería Sostible busca consolidar dous conceptos clave para o futuro desta industria: a sustentabilidade e a igualdade.
Segundo dixo, trátase de visibilizar a situación da muller na minería, que está mudando moito grazas, en parte, á profesionalización do sector e á incorporación das novas tecnoloxías. Neste momento, destacou, en Galicia, dos case 3200 empregos directos que xera esta industria, un 10,5% están ocupados por mulleres das que o 12% desempeña algún cargo directivo ou técnico.
Para seguir avanzando, o vicepresidente primeiro avogou por que o auxe da minería sustentable vinculada aos minerais estratéxicos para a industria, sexa unha lanzadeira para impulsar a incorporación das mulleres a esta industria desde niveis profesionais que exixen unha maior cualificación.
E, xunto con isto, recoñeceu que o reto está en fomentar a participación das rapazas máis novas no estudo de carreiras técnicas; neste caso, a Enxeñaría de Minas e Enerxía ou ciclos de FP relacionados. En promover a presenza feminina nos cargos directivos, como xa está acontecendo en moitas empresas. E en derribar barreiras como o descoñecemento da profesión ou os estereotipos, que impiden que a presenza das mulleres no sector sexa maior. Departamento de comunicación