SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, propón axudas directas ós e ás traballadoras
autónomas para paliar os efectos da subida de prezos, por ser un dos colectivos
máis impactados pola escalada inflacionista e tendo en conta que o 70% das
210.000 persoas que están dentro desta categoría laboral teñen rendas
inferiores ó salario mínimo interprofesional (SMI).
A líder do BNG fixo esta proposta tras o
encontro co coa dirección da Unión de profesionais e traballadores e
traballadoras autónomas (UPTA), encabezada por Eduardo Abad e Jesús Diéguez,
para abordar a súa situación nun momento en que se están ultimando reformas
lexislativas para un colectivo, “con moitas dificultades, pese ao seu empuxe e
importancia, por iso precisan un apoio por parte das administracións públicas”.
Entre as medidas, ademais de axudas
directas, que Pontón inclúe dentro do plan de choque de 700 millóns de euros que o BNG propón
mobilizar ante a escalada de prezos, tamén inclúe prestar apoio no proceso de transformación
e dixitalización que esixe o momento. Un dos asuntos abordados no encontro, ao
que tamén asistiu o portavoz parlamentario de emprego, Daniel Pérez, foi a
reforma estatal que se debate neste momento, en particular os tramos de
cotización, un asunto que lle preocupa ao Bloque.
“Pensamos que é importante abordar un
sistema que aporte maior equidade para as persoas autónomas, e fixar tramos é
un camiño acertado, pero para facer unha valoración hai que esperar a ver o
resultado final da negociación en curso, como se concretan os tramos e cales serán
as contraprestacións para un colectivo de gran importancia en termos sociais e
económicos”, explicou.
Pontón destacou que a maioría das
persoas autónomas en Galiza teñen pensións moi baixas, as segundas máis
reducidas do Estado. Ante a situación do colectivo, e nun contexto
inflacionista, o BNG considera fundamental que o goberno do PP preste un maior
apoio a uns traballadores e traballadoras “que soportan como pouco a crise de
prezos, como se pode ver no sector do comercio e da hostalería, onde abundan as
persoas autónomas”.
Neste sentido, a líder nacionalista
insiste en reclamarlle ao Executivo de Rueda un plan de choque que mobilice 700
M€ con axudas directas para os colectivos con menores niveis de renda e para os
sectores económicos máis impactados polo IPC, entre eles ás persoas que
traballan por conta propia. “Un plan que inclúa unha liña de axudas directas
para este sector que está soportando como poucos a escalada de prezos e, por
iso, debe ser prioritario á hora de recibir axudas”, concluíu. Departamento de comunicación