SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, declarouse “escandalizada e moi preocupada” polo
colapso do viaduto da A6 tras o segundo derrube da plataforma, pasando en apenas
unha semana de estar a punto de reabrir a ponte despois duns arranxos
millonarios, a barallar a súa demolición.
Pontón demanda que se aclare “cal é a
responsabilidade das empresas construtoras e se estamos asistindo a un
encubrimento por parte do Goberno do Estado e do Goberno da Xunta da súa
responsabilidade. Non vemos normal o silencio da Xunta e nos parece que hai neste
asunto unha complicidade, un pacto de silencio PP-PSOE que entendemos politicamente
impresentable. A quen queren protexer?”, se pregunta a líder do Bloque.
“Desde o BNG preguntámonos que está
pasando con este viaduto que foi construído fai 20 anos, non 200, pero que se
cae a cachos? Preguntámonos que espera a ministra de Transportes para vir dar
explicacións ós galegos e as galegas, ante o colapso dunha infraestrutura que
comunica Galiza coa meseta, polo tanto unha infraestrutura de primeiro nivel”,
interpelou a líder nacionalista.
Pontón subliña que o BNG xa ten
solicitado a comparecencia da titular de Transportes, que reitera, porque o que
non é de recibo e que tras o segundo derrube “a ministra o único que faga sexa
poñer un chío”, -criticou-. Ao mesmo tempo, pide unha investigación para
aclarar que pasou para que se veña abaixo unha ponte con apenas dúas décadas de
funcionamento, “cando ademais foi unha das máis caras do Estado”.
A formación
nacionalista tamén reclama que se faga pública e se explique a estratexia e o
calendario para volver poñer en funcionamento unha infraestrutura destas
características, de gran importancia tanto en termos de mobilidade como económicos.
“Imos facer estas solicitudes no Congreso e no Parlamento, coa axuda do PP-PSOE
ou sen ela”, concluíu, ao que se suma a reclamación de que se faga unha
auditoría en todas as infraestruturas
similares que existen en Galiza, en aras da seguridade da cidadanía. Departamento de comunicación