SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu hoxe
o modelo de economía social, que “queremos fomentar -dixo- porque
significa cohesión territorial, loitar contra o declive demográfico e
loitar pola igualdade de homes e mulleres”. Así o dixo logo dun encontro
co presidente do Foro de Economía Social de Galicia -Foroesgal-, Celso
Gándara.
O responsable socialista dixo que “é un modelo
no que cremos e que compartimos os socialistas, e no que cren a inmensa
maioría dos galegos e das galegas, baseado na cohesión social”. Sinalou
que “queremos fomentar e servir de
interlocutores no Parlamento de Galicia e tamén co goberno do Estado e
os gobernos municipais e provinciais de Galicia”.
Salientou
que representa un “ámbito relevante da economía galega”, que supón unha
“porcentaxe relevante do PIB do país”, e que resulta fundamental para
os máis de 70.000 traballadores e traballadoras con discapacidade
incorporados ao modelo social.
Subliñou a súa
importancia para a cohesión social por canto “o 60 por cento dos
traballadores e traballadoras están incorporados ao modelo de economía
social de Galicia nos concellos de menos de 60.000 habitantes”. Ademais,
resulta un elemento fundamental na loita contra a fenda salarial entre
homes e mulleres, que é “bastante menor nas empresas incorporadas á
economía social que nas sociedades mercantís”.
Transportes
En
resposta a preguntas dos xornalistas, o secretario xeral do PSdeG
reclamoulle ao goberno galego que exerza as súas competencias para
liberar axudas directas aos transportistas complementarias ás medidas do
goberno central. Reclama así que o Executivo participe das axudas para
paliar a suba de carburantes e o peche da A-6 provocado polo
derrubamento do viaduto do Castro.
Cualificou de “xusta e
lóxica” a demanda de axudas pola caída da infraestrutura de entrada a
Galicia, e sinalou que estas “deben de existir por parte de tódalas
administracións, non só do Estado, tamén da Xunta de Galicia”. Emprazou a
reconstruír a vía “no menor tempo posible”, e “que se faga co total
seguridade” logo de coñecer a causa do derrubamento, que permitirá
“determinar responsabilidades civís no seu caso”.
O líder dos socialistas galegos reclamoulle ao goberno galego que
“sexa consecuente” e destine a axudas directas o 50 por cento dos 556
millóns de euros de ingresos que percibe Galicia polo imposto aos
hidrocarburos. Reclamou así unha liña de axudas aos transportes, e aos
sectores de gandería e pesca “tal e como fixemos outras institucións
socialistas”.
Lembrou os 5 millóns de euros aportados
pola Deputación de A Coruña a estes sectores, que foron liberados nun
prazo de “7 horas”, e que chegarán aos 10 millóns de euros. Sinaloulle
ao presidente da Xunta que “ao tempo que lle esixe medidas a Madrid debe
de adoptar medidas tamén no ámbito galego”, que sexan “áxiles” para
protexer ao sector do transporte, que é “o sangue nas venas da economía”. Departamento de comunicación