SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, advirte que os
datos sobre os MIR en Galiza desmontan o relato do PP sobre a falta de
profesionais na sanidade galega e, en concreto, na Atención Primaria, e
confirman que aquelas e aqueles que están en formación “foxen en desbandada
porque non aceptan traballar sen límite, sen calidade na atención e con risco
para a súa saúde e para a das e dos doentes”.
Prado
recalca que “ás nove prazas MIR que ninguén colleu” en Galiza, hai que sumar a
fuga daquelas e daqueles que están en formación. “Dos 11 MIR que rematan en
Compostela só dous optan a quedarse na Atención Primaria; dos 23 en Vigo, só
10; dos 18 da Coruña, só 7; dos 11 de Ourense, só dous; dos 10 de Lugo, cinco
ou só tres dos cinco de Ferrol”, enumera, para engadir a continuación que
“converter en norma as intersubstitucións ou as prolongacións de xornada para
que unha profesional faga o traballo de tres, catro ou as que fagan falta está
claro que non é a alternativa”.
A
portavoz de Sanidade do Bloque asegura que “o PP xa non consigue tapar con
propaganda a situación dramática na que se atopa a Atención Primaria” e, neste
sentido, considera inaceptable que “a súa secretaria xeral diga que a nosa
sanidade é a envexa de todos”. “Que pregunten aos miles de galegos e galegas
que non teñen médico asignado, aos que teñen que agardar semanas para ter unha
cita, aos case 200.000 que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, aos
40.000 que agardan por unha intervención cirúrxica, aos miles que tamén esperan
por probas diagnósticas, aos que lles pecharon os consultorios ou aos miles de
nenos e nenas que non teñen pediatra”, recrimina.
Esta
situación, xunto a profesionais “exhaustos”, demostran ao seu xuízo que “a
realidade é que a continuidade asistencial está seriamente ameazada” e, neste
sentido, advirte que “a situación non vai facer máis que empeorar polos centos
de pediatras, médicos e médicas e profesionais de enfermería que se van xubilar
nos vindeiros anos”. “Fuga de profesionais e drenaxe constante de doentes á
sanidade privada, para quen poida pagala, e os que non, quédanse literalmente
tirados”, resume.
Neste
contexto, Prado propón á Xunta tres alternativas para acometer no inmediato:
incrementar xa o orzamento da Atención Primaria ata igualalo co 2,2% de media
estatal, cun plan de choque de 200 millóns de euros; poñer en marcha un plan de
captación e retención de profesionais, “con ofertas atractivas e competitivas,
con coidado e respecto ao persoal para que traballar e conciliar non sexa
misión imposible”; e incorporar novas categorías profesionais como psicoloxía
clínica (con arredor de 160 persoas nas listas que non están traballando),
terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadores e traballadoras sociais,
podólogos, ópticos ou optometristas, que contribúan a desconxestionar o
primeiro nivel asistencial.
A
deputada nacionalista reclama así ao Executivo galego “que deixe de poñer os
seus esforzos en negar a realidade e que os poña en resolver o problema”. “En
definitiva, que actúe para que a Atención Primaria non se colapse de
inmediato”, conclúe. Departamento de comunicación