SARRIA | Co final das festas de San Xoan, Sarria prepárase para o festival de músicas afroamericanas, Sarria & Blues no Camiño, que se celebrará do 4 ao 7 de agosto, con máis de 30 músicos nacionais e internacionais de diversos xéneros da música negra, dos que iremos proporcionando información detalladamente.
Durante os catro días, o festival prescindirá do habitual escenario central para distribuírse por toda a localidade, co obxectivo de facer chegar a música en directo ao maior número posible de veciños. Cada día haberá un escenario principal distinto, como o Campo da Feira a antiga fábrica da Feculera, A Unión ou a Praza de Santa Mariña, e varios alternativos en distintos puntos, como a Residencia de Anciáns, A Illa do Toleiro, A Rúa Maior e varios cruces principais.
Ademáis dos concertos, que serán de acceso libre e gratuíto, o festival quere abrir unha xanela á cultura que rodea o blues con exposicións de gravados, pintura e fotografía, presentación dun libro de gastronomía afroamericana, contacontos infantil, elaboración dun mural, hip-hop e proxección de documentais.
Sarria & Blues no Camiño é un proxecto que vén sumarse á puxante actividade musical e cultural que vive esta localidade lucense pródiga en festivais como o Esmorga, Garitosis, Noite Meiga, A Verbena, Terra Brava, Intergeneraciones, San Martiño Canibal, Espantada Rock, Ribela: Love & Nature e o seu prestixioso Festival de Maxia.
O festival está aberto á colaboración con tódalas asociacións e entidades cidadás de todo tipo, incluíndo obviamente ao comercio e a hostalería, coa filosofía que de que todos os sarriáns poidan participar dunha ou outra forma, e a cita musical, ademáis de proporcionar diversión, contribúa a beneficiar a actividade económica local. Departamento de comunicación