El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

ARZÚA

O BNG require a protección, conservación e posta en valor do xacemento de arqueolóxico de Vilantime en Arzúa

01-07-2022 11:54:08

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para a conservación e posta en valor dos restos arqueolóxicos situados na proximidade do lugar de Vilantime encontrados durante as obras da A-54. A organización nacionalista demanda ao Ministerio de Transportes que adopte todas as medidas necesarias, en colaboración e coordinación coa Xunta de Galiza e o Concello de Arzúa, para conservar o complexo arqueolóxico e que asegure o depósito das pezas achadas nun museo público galego próximo ao lugar da escavación para a súa exposición, así como levar a cabo un proceso de musealización da zona.

Durante a execución das obras da autovía A-54 que une a cidade de Santiago de Compostela e Lugo, foi localizado un xacemento arqueolóxico de gran importancia para a investigación histórica da Galiza e, especialmente, para a comarca de Arzúa. Segundo os datos achegados pola equipa arqueolóxica encargada da escavación, os restos son dunha aldea castrexa da época galaico-romana de 2.000 anos de antigüidade.

A área arqueolóxica actual ten uns dous mil metros cadrados aproximadamente, mais os encargados do estudo apuntan a que o xacemento supera a zona escavada polo momento situada nos terreos expropiados para a construción da autovía. Así por exemplo, a escasos metros da escavación actual, hai meses que a mesma empresa arqueolóxica atopou varios restos de edificacións circulares de época calcolítica, datadas entre os anos 1.700 e 3.000 a.C.

“Foi achada unha zona cunha vivenda de catro estancias e outra construción destinada á produción de pan a nivel industrial onde apareceron restos dun forno e varios muíños de man” explica o deputado do BNG. Nunha zona lindeira, escaváronse dous fornos de 2x2 metros para a cocción de ladrillo e tella romana, únicos na Galiza polo seu formidábel estado de conservación. Na vivenda apareceron restos de cerámica, tanto romana como propia da Galiza, así como varias moedas -entre elas, unha do 114 d.C. do emperador Traxano e outra de finais do século III do emperador Galiano- que permiten facer unha aproximación das datas de ocupación.

O conxunto está situado ademais a escasos metros dun antigo camiño que comunicaba Arzúa e Sardecoiro (Santiso) pasando por Maroxo, Montelongo e Pela, do que se ten referencias documentais do s. X, que xunto co resto de achados, podería formar parte da posta en valor da historia do lugar.

“Trátase dun xacemento único na Galiza que debe ser conservado para o seu estudo e posta en valor. Mesmo entendemos que hai que ampliar a zona escavada porque os investigacións demostran que o complexo arqueolóxico é máis grande” destaca Rego. Neste sentido, o deputado do BNG considera que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana debe ter un papel determinante, por ser a Administración responsable das obras de construción da A-54, na protección, consolidación e posta en valor do complexo.

Do mesmo modo, o BNG demanda a coordinación entre as diferentes administracións -Estado, Xunta e Concello de Arzúa- para asegurar esta protección e posta en valor posterior a través dunha musealización da zona ou a creación dun centro de interpretación que permita coñecer a historia e importancia dos achados. “Ademais, reclamamos que se depositen todas as pezas encontradas na excavación nun museo público galego próximo ao lugar de escavación para a súa exposición, pois son parte do patrimonio histórico e cultural da Galiza” destaca finalmente o deputado do BNG no Congreso.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias