SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG esixe á Xunta
que rectifique de inmediato a súa decisión de cancelar a Tarxeta Básica, creada
coa pandemia para a compra de alimentos e produtos de hixiene, a única medida de
emerxencia que existía xa que foi “incapaz de adoptar nin unha soa con carácter
extraordinario para rescatar aos sectores da poboación máis empobrecidos coa brutal
crise de prezos”.
“O
que lle pedimos ao Goberno galego e ao PP é que empaticen, que teñan a
sensibilidade que necesita un momento como o actual e que manteñan a Tarxeta
Básica e a regulen para darlle un carácter permanente como ponte ata que as
persoas que se atopan en situación de pobreza ou exclusión social poidan
acceder a outras prestacións económicas como a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital
(IMV)”, reclama a portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, quen
recorda que esta é unha das propostas que leva facendo o Bloque dende hai máis
dun ano e que o PP “votou unha e outra vez en contra” no Parlamento galego.
Segundo
recalca Rodil, “é absolutamente inadmisible que no medio dunha crise económica
como a que estamos a vivir, onde os galegos e as galegas son un pouco máis
pobres cada día, A Xunta deixe sen efecto a única medida de emerxencia que
existía ata o momento, deixando a milleiros de persoas tiradas aos pés dos
cabalos no peor momento posible”.
Neste
sentido, insiste na necesidade de que o Executivo galego poña en marcha un plan
de rescate para axudar “precisamente aos sectores da poboación máis afectados
por esta crise de prezos, por esta inflación desbocada”, polo que ademais da
restitución da Tarxeta Básica, defende a “actualización das contías da RISGA
para adaptalas a esta crise tan grande” e a posta en marcha doutras medidas
como “incrementar tamén as axudas á vivenda”.
Logo
de recordar os últimos datos de pobreza e exclusión social publicados estes
días e que cifran “en máis de 678.000 persoas en risco de pobreza e exclusión
social no noso País, máis das que viven nas cidades da Coruña e Vigo xuntas”, a
viceportavoz parlamentaria do BNG reproba a actitude do PP por “deixar a tantas
e tantas persoas como son as beneficiarias da Tarxeta Básica sen nada, sen
absolutamente nada no medio dunha crise tan grande, dunha inflación como non
había nos últimos 40 anos”, conclúe. Departamento de comunicación