MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra
novas iniciativas sobre a mellora dos servizos da Sociedade Estatal Correos e
Telégrafos. Neste caso, a organización nacionalista demanda ampliar o horario
da oficina do Concello de Ribeira, ampliándoo para prestar servizo durante as
tardes, para atender de maneira adecuada as necesidades actuais da veciñanza.
Así mesmo, Rego expresa a necesidade de cubrir a totalidade das prazas vacantes
de maneira que se asegure un adecuado mantemento dos servizos durante as
vacacións ou as baixas do persoal.
“A
empresa pública de Correos ten o deber de garantir un servizo público de
calidade e accesíbel para toda a poboación: tanto nas zonas urbanas como nas
zonas máis rurais” salienta o deputado nacionalista. Baixo esta premisa, Néstor
Rego sinala a necesidade estabelecer unha estratexia en prol do mantemento da
actividade do Servizo Postal Universal.
Hai uns
anos, a sociedade pública de correspondencia acometeu unha modernización nas
instalacións de Ribeira, Concello cabeceira da comarca da Barbanza que conta
cunha poboación de case 27.000 habitantes. Con todo, a organización
nacionalista entende que “é imprescindíbel que se aumente o horario de atención
ao público, procedendo á apertura da oficina en horario de tarde para prestar
un servizo moderno, eficiente e ampliado”.
“Esta
medida, ademais de xerar novos postos de traballo, redundaría en beneficio da
veciñanza de Ribeira, facilitaría unha mellor atención, un servizo máis
eficiente e adaptado ás necesidades actuais, con menor tempo de espera e
facilitando a organización do traballo das empresas, do comercio e das persoas
usuarias” puntualiza o deputado do BNG. De facto, durante o verán, a poboación
de Ribeira aumenta considerabelmente sumando
outros 17.000 habitantes e mesmo chegando até 60.000 persoas na tempada máis
alta.
Para o
deputado do BNG, tamén é preciso que se cubran todos os postos vacantes, ben
polo goce de vacacións, baixas ou permisos, e sobre todo nos meses de verán,
momento en que o volume de traballo na oficina é maior debido ao aumento da
poboación. “Desta maneira, aseguraríase unha adecuada cobertura e mantemento
dos servizos” destaca.
Rego
destaca tamén a necesidade de estabelecer unha estratexia en prol do mantemento
da actividade de Correos, especialmente en sectores relevantes como a
distribución de paquetes que agora realiza Correos Express, para o que opta de
forma crecente pola contratación de persoas autónomas. “Este tipo de actuacións
son, no fondo, unha maneira de privatización xa que se baleira de clientes á
empresa matriz no canto de apostar por realizar todos os servizos con persoal
propio, cuestión que permitiría manter e mellorar o servizo público universal
de correos” sinala o deputado do BNG. Departamento de comunicación