SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña do BNG con motivo da
celebración do Día da Patria que desenvolverá por toda Galiza e
culminará coa gran manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela, unha
campaña que este ano leva por título Gañarmos o futuro, a nova Galiza en
marcha. A líder do Bloque instou a participar nesa manifestación a todas as
persoas “que queren unha saída xusta, social e galega” da crise.
“Co lema deste 25X queremos trasladar a
mensaxe de que o cambio político está en marcha co BNG, cambio que pasa por
facernos valer como País”, indicou Pontón, que fixou un chamamento “a sumarse a
unha manifestación a toda as persoas que reivindican Galiza e que reivindican
unha saída xusta, social e galega a esta crise económica”, destacou, tendo en
conta que este Día da Patria “ten como singularidade” a escalada de prezos que
impacta na maioría social e ten tamén como pano de fondo “unha situación de
cambio político que se vai deixar sentir xa nas eleccións municipais”. Neste contexto, o Bloque está poñendo sobre
a mesa propostas solventes para axudar ás familias, á clase traballadora, ás
persoas autónomas e ás pequena e medianas empresas que sosteñen a maior parte
do emprego.
“Todos os gobernos deberían poñer ás
persoas no centro das súas políticas, salvar a economía real, salvar á maioría
social e evitar que esta crise a paguen os mesmos, as mesmas de sempre. As
condicións e vida dos e das galegas é, a día de hoxe, a principal preocupación
do BNG ante a maior crise de prezos e corenta anos”, explicou.
Unha escalada inflacionista ante a que
non dan solucións nin o goberno do Estado, nin o goberno da Xunta, “máis alá de
parches pero sen aportar medidas valentes para que os pratos rotos da crise non
os paguen, como sempre, a maioría social”, lamentou a líder nacionalista.
Pontón criticou que a un Executivo do PP
“ausente e con presidente insubstancial que en vez de aportar solucións busca
escusas e a quen botar a culpa”, pero tamén a un Goberno central que no medio
dunha crise de prezos “prioriza o gasto militar sobre os servizos públicos e á
recuperación económica”. En contraposición, Pontón coloca ao BNG como a forza
política “da maioría, un espazo de cambio, de ilusión e de esperanza para esa
maioría social”.
“Este
25X é un día para reivindicar que ganen os e as traballadoras, as familias, as
persoas autónomas e as PEMES e, por iso, convidamos a mobilizarse a todas as persoas
que queren que nesta crise gane a maioría social fronte ás eléctricas, as
pretoleiras e ás grandes multinacionais, convidamos, en definitiva, a
mobilizarse a todos os galegos e galegas que defenden algo de tan sentido común
como que un traballador e traballadora poidan chegar a fin de mes”, argumentou
Pontón durante a presentación da campaña.
En definitiva, este Día da Patria “queremos
unha gran manifestación para reivindicar unha saída xusta da crise, a todas as
persoas que levan Galiza a cabeza e no corazón, que saben que outra Galiza é
posible, sabendo que estamos cada día máis cerca do cambio político que precisa
este País”, reiterou.
O BNG é a “ferramenta” para ese cambio
galego e seguirá traballando “con humildade pero con toda a convicción para
seguir sumando máis cidadanía para ese cambio”, e cada vez hai máis galegos e
galegas que se preguntan porqué temos que depender dos alimentos de fora
mentres temos un rural abandonado; porqué temos o territorio cheo de eólicos e
encoros pero pagamos unha factura desorbitada ou porque no noso litoral e no
noso mar deciden a centos de quilómetros nos despachos de Madrid. “Cada vez son máis as persoas que queren
un cambio e saben que o BNG é o motor dese cambio para construír unha Galiza
mellor”, concluíu Pontón. Departamento de comunicación