MADRID | O Bloque Nacionalista Galego rexeita a
aprobación dun crédito extraordinario no Consello de Ministros para aumentar
neste ano o gasto militar en 1.000 millóns de euros. Néstor Rego denuncia que
isto implica reducir os recursos dispoñíbeis en cuestións tan esenciais como
políticas sociais, servizos públicos, investimentos ou promoción do emprego.
Aliás, entende que o compromiso coa OTAN de aumentar até 2% do PIB -o que
suporá entre 10 e 12.000 millóns de euros- hipotecará a capacidade de desenvolver
políticas a favor das maiorías sociais precisamente nun momento de grave crise
social e económica.
“Cando hai centenas de millares de
persoas que o están pasando realmente mal -millóns no conxunto do Estado-, é un
despropósito dedicar 1.000 millóns de euros dos recursos públicos, sempre
limitados a aumentar o gasto militar. A prioridade deberían ser as políticas de
protección social, de desenvolvemento económico e de fomento do emprego”,
sinala Néstor Rego, que lembra que para a axuda de 200 euros -cuns criterios moi
restritivos- se reservaron só 800 millóns de euros.
O deputado nacionalista asegura que
non pode chamarse progresista un goberno cuxa prioridade é aumentar a compra de
armamento por riba de atender as necesidades básicas da poboación nun momento
de extremas dificultades pola crise de prezos que continúa descontrolada e que
implica empobrecemento das clases populares. “Parece que Pedro Sánchez prefire
atender o mandato da OTAN e os intereses do complexo militar-industrial dos
Estados Unidos que os intereses das maiorías sociais e dos pobos do Estado”,
salienta Rego, que recorda que aínda onte a OTAN fixo público que “se
aseguraría” de que o Goberno español cumprise.
“Destinar nun prazo de 8 anos entre
10 e 12.000 millóns de euros a aumentar o gasto militar implica hipotecar a
capacidade de desenvolver política sociais e económicas para protexer e
mellorar a calidade de vida das maiorías sociais. Repercutirá negativamente na
calidade dos servizos públicos e no emprego e implicará novas políticas de
recortes sociais. Por iso o BNG rexeita este aumento do fasto en armamento que
impón a OTAN e que beneficiará principalmente os Estados Unidos. É máis unha
mostra do sometemento de Sánchez e do Goberno español aos intereses do
imperialismo norteamericano”, subliña o deputado.
Néstor Rego advirte que ese
compromiso afectará de maneira importante os orzamentos do Estado dos próximos
anos e, por tanto, tamén os investimentos no noso País en cuestións esenciais
como a mellora das infraestruturas e dos servizos ferroviarios, básico para
avanzar en servizos de transporte público con criterios de sustentabilidade. “E
lembramos que a Galiza xa está padecendo investimentos inferiores aos que lle
corresponderían: no ano 2021 baixaron 11% -mentres que a maioría das Comunidades Autónomas subían por riba de
50%- e ademais só foron executados en 67,2%. Que o Goberno compre máis
armamento aos EUA non vai solucionar os problemas do noso País”, enfatiza Rego.
Por iso, para rexeitar esta medida do Goberno, o deputado nacionalista
destaca a importancia de que a Galiza teña capacidade de decidir de forma
soberana en función dos propios intereses. “Cando a Galiza tiver soberanía
tamén terá a capacidade de estabelecer as prioridades políticas necesarias para
desenvolver as súas potencialidades económicas, para acabar coa crise
industrial, para promover a creación de emprego e deter a sangría migratorias
ou para asegurar servizos públicos de calidade; en definitiva, para mellorar a
calidade de vida e de benestar de todos os galegos e galegas”, conclúe Rego. Departamento de comunicación