SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, volve pedir a Goberno do PP que actúe ante a
maior crise de prezos en corenta anos, porque pasan os meses cunha inflación
disparada pero o Executivo de Alfonso Rueda sigue “cruzado de brazos” ou mesmo
adoptando medidas que lonxe de supoñer un alivio para a maioría social, supón
unha carga.
“Todo sube e o Goberno do PP segue de brazos
cruzados e lonxe de axudar o que fai é poñer paus nas rodas”, denunciou, con “anti-medidas”
como subirlle a auga a miles de galegos
e galegas ou suprimir a tarxeta básica que subvencionaba os gastos básicos de
comida e de produtos de hixiene a miles de familias con apenas ingresos.
En lugar de alixeirar a carga da
inflación, “o PP pon pedras sobre as persoas que teñen máis dificultades polos
seu escaso nivel de renda”, recriminou Pontón, “en lugar de aportar medidas eficaces
para paliar o impacto dos prezos, aproveitando as súas competencias, o que fai o
Goberno do PP é ir na dirección contraria, como vimos co exemplo da subida da
auga ou da retirada da tarxeta básica”.
Neste sentido, Pontón pide a Rueda que “rectifique”
e xa avanza que o BNG pedirá no próximo pleno a restitución desa medida de
protección das familias máis desfavorecidas,
“porque estamos falando de axudas para poder comer e resulta incrible
que o Goberno do PP demostre tanta insensibilidade e tanta falta de corazón”.
A líder do Bloque, que hoxe visitou en Chantada
diversos proxectos empresariais, demanda ó Executivo popular “que se poña a traballar para paliar os efectos
da escalada inflacionista”, ao tempo que
explica as medidas da formación nacionalista. Entre elas, as destinadas ós colectivos
máis vulnerables: subida do complemento
autonómico das pensións non contributivas, incrementar a RISGA e facela
compatible co IMV ou aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, disparados
sobre todo por efecto da factura enerxética.
Igualmente, o BNG propón mobilizar 700 M€ para conceder
axudas directas ás PEMES e ós sectores produtivos máis impactados polo descontrol
de prezos, que está afectando a competitividade e, por tanto, poñendo en risco
a supervivencia de moitas pequenas e medianas empresas. Departamento de comunicación