El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

AGOLADA

Programación cultural de Agolada deste verán

Artesanía, teatro, música, sendeirismo, a presentación de libros, unha exposición fotográfica e unha curtametraxe compoñen o programa.

07-07-2022 09:13:47
Programación de verán.

AGOLADA | O Concello de Agolada dá a coñecer a súa programación de verán. Inclúe a presentación de dous libros, artesanía, teatro, unha exposición fotográfica, música, unha ruta de sendeirismo e a proxección dunha curtametraxe, ademais do acto de homenaxe a Marisol Soengas. Trátase dunha programación pensada para todos os gustos e idades.  

Este mes de xullo comeza a programación cultural de Agolada co Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra do 8 ao 10 de xullo, no recinto dos Pendellos e que está organizado pola Xunta, en colaboración do Concello. 

Ademais, dentro da programación municipal, o día 9, ás 20:30 horas, terá lugar na Praza do Concello a presentación dos libros El Pinchadiscos Maléfico y 2500 de Pablo Otero Barrio, natural de Agolada. 

Do 12 de xullo ao 12 de agosto poderase visitar en varios Pendellos unha exposición fotográfica do agoladés Jesús Faílde Oro, quen conta cun gran arquivo fotográfico que no seu día tamén lle cedeu parte das súas creacións ao Consello da Cultura Galega. 

O 22 de xullo, ás 20:00 horas, será a quenda do teatro a cargo da empresa de contacontos Polo Correo do Vento. De Valdeorras a México. Terra A Nosa servirá para dar coñecer a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Trátase dun espectáculo familiar, promovido pola Deputación de Pontevedra, no que se alternará a narración da súa biografía coa creación dunha ilustración e a interpretación de pezas musicais. Contará con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todos os pequenos, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura do autor. Será na Praza do Concello ou no entorno dos Pendellos.   

Por último, neste mes, o día 29 o artista Antonio Barros ofrecerá un concerto na Praza do Concello ás 20:00 horas, gracias á colaboración de Política Lingüística. Barros conta cunha gran traxectoria no ámbito musical e foi o gañador do concurso Recantos do programa Luar da Televisión de Galicia no ano 2017. 

Xa no mes de agosto, o día 6 terá lugar un acto no que se distinguirá á investigadora oriúnda de Agolada Marisol Soengas como filla predilecta do municipio. Unha cita que está organizada conxuntamente polo Concello e polas asociacións culturais Bico da Balouta e Baluarte dos Pendellos, coa colaboración da Deputación. Será ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares. 

Despois, celebrarase o 11 e 12 de agosto a XXV edición da Mostra de Artesanía organizada polo Concello. Nos vindeiros días darase a coñecer a programación destes dous días na que xa hai anotados unha trintena de artesáns. Cabe mencionar que ata o día 12 tamén se poderá ver a exposición fotográfica de Jesús Faílde Oro, que estará ao longo dun mes nos Pendellos, e se completará con outras mostras, que se incluirán na programación da artesanía. 

O día 13  poderase desfrutar dunha ruta de sendeirismo incluída dentro do programa Goza do Ulla. O punto de partida será ás 10:00 horas dende a Eira da Xoana de Ramil. A distancia é duns 10 quilómetros e a dificultade é media. Trátase dun roteiro circular de interese ambiental e cultural. Os asistentes partirán dende a Eira da Xoana e alí poderán coñecer a historia de recuperación deste inmoble. Despois, a ruta transcorrerá pola Canle de Ramil podendo desfrutar do río Ulla e de paraxes únicas. O camiño elixido levará aos participantes ata o monte de Basadroa, onde se informará dos petróglifos e mámoas que podemos atopar pola contorna. Por último, a través do Camiño Real, volverase ao punto de partida. Os interesados poden anotarse a través do correo prensagolada@agolada.es ou do teléfono 986 78 80 62 extensión 3002. 

Mentres, o día 26, ás 18:30 horas, proxectarase no auditorio municipal a curtametraxe A vontade do esquecemento que foi gravada no municipio de Agolada hai unhas semanas. Esta obra está dirixida por Raquel Currás Martínez e producida por Cumac Produccións. O día 2 de setembro, ás 20:00 horas, terá lugar un concerto na Praza do Concello do grupo de Acordeonistas Bieito Blanco de Ourense, no que un dos seus membros, Carlos Ramos, é natural do municipio de Agolada.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias