A CORUÑA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Palexco na segunda xornada de ‘Mundos Digitales’, un evento internacional de animación, efectos visuais e novos media. Formoso, acompañado do director de ‘Mundos Digitales’, Manuel Meijide, e o coruñés gañador do Goya á mellor curtametraxe de animación, Xosé Zapata, visitou a feira, onde destacou “o talento que hai no audiovisual galego” e salientou “as oportunidades que se presentan hoxe en día no ámbito dixital, tanto a nivel de videoxogos como de películas, no que España é xa unha potencia como podemos constatar neste congreso”.
“Estes días na Coruña teremos a catro premiados nos Óscar e decenas de premios Goya, ademáis dalgunhas das empresas máis importantes dun sector puxante no que Galicia ten unha presenza crecente e moito que dicir no futuro”, afirmou o presidente da Deputación, que agradeceu aos organizadores a invitación a visitar o evento, que desde hai dúas décadas reúne na Coruña a empresas de referencia no mundo da animación, os efectos visuais e os videoxogos.
O evento, que se celebra desde onte ata mañá, sábado 9 de xullo, reúne a todas as persoas relevantes do sector da animación a nivel nacional e internacional e conta coa presenza de 4 gañadores de premios Óscar, como Leo Sánchez, gañador do Óscar á mellor curtametraxe animada, e ducias de galardoados nos Goya.
Máis de 1.200 persoas inscríbironse para participar neste congreso, no que un dos pratos fortes é a súa feira de emprego, que se consolida, segundo sinalan na organización, como a segunda máis importante de Europa. O obxectivo deste espazo é atopar un gran número de profesionais de diferentes perfís para as producións que se están levando a cabo. Departamento de comunicación / consultar a programación