El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | TVG

O BNG acusa ao PP de poñer a TVG ao seu servizo

Agora por duplicado para atender á propaganda de Rueda e de Feijóo.

12-07-2022 17:53:25
A deputada María Albert.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A deputada María Albert, portavoz na comisión parlamentaria da CRTVG, foi a encargada de explicar o voto en contra do BNG á renovación de dous dos membros do consello de administración do ente público correspondentes ao PP, por considerar que era unha “oportunidade única” para camiñar cara o cumprimento da lei e cara unha televisión e radio públicas ao servizo da cidadanía. 

“Estamos ante unha situación de esperpento con dúas forzas políticas, -PP e PSOE-, que pactaron a lei da CRTVG que non se aplica e se unen para evitar que unha terceira forza, o BNG, reclame o seu cumprimento”, alegou Albert, quen interpelou expresamente ao PSdeG instándolle a aproveitar “unha oportunidade única” para reconducir a televisión e radio públicas cara o que deben ser: medios de comunicación plurais. 

“O compromiso cunha televisión e radio públicas a favor dos galegos e das galegas demóstrase cos votos cando temos oportunidade de facelo, e hoxe temos unha desas oportunidades”, recalcou, “non o di BNG senón os traballadores e as traballadoras”, explicou a deputada nacionalista, citando un comunicado emitido onte polo comité intercentros da corporación. 

“O PSdeG desaproveita unha ocasión única para que se cumpra a lei que regula os medios públicos ao apoiar a renovación do consello de administración da CRTVG”.  “Esta actitude do PSdeG”, afonda o comunicado, “supón unha falta de compromiso cos traballadores e traballadoras dos medios públicos e coa sociedade galega en xeral”. 

Albert denunciou na súa intervención “o control político dos contidos informativos, que levou a unha perda absoluta de credibilidade dos nosos medios públicos, nos que o pluralismo non existe porque están entregados ao PP, agora ademais con traballo dobre, porque teñen que atender a Rueda aquí e teñen que atender a Feijóo en Madrid”. Ademais do uso partidista do ente público, o BNG sustenta o seu voto na “nefasta” xestión do persoal, “con centos de sentenzas condenatorias incluíndo a última e demoledora sentenza do TSXG por vulnerar os dereitos fundamentais dun traballador”. 

A deputada Albert seguiu sumando argumentos, como o sistemático incumprimento da Lei de Medios, incluíndo a situación de fraude do director xeral a CRTVG, a inexistencia dun Consello de informativos pendente desde 2015 e o incumprimento en temas tan sensíbeis como a igualdade, a información de proximidade, a promoción e correcto uso da lingua ou a pluralidade. 

O BNG quixo aproveitar “a primeira ocasión en que unha votación podía cambiar o rumbo” no control omnímodo que o PP exerce na televisión e radio pública, “para avanzar cara unha CRTVG plural, centrada no País e con vocación de servizo”. “Por ese motivo condicionamos o noso voto a unha cuestión moi simple: o cumprimento da lei”, recalcou María Albert, en tres aspectos fundamentais como a renovación da dirección xeral, en situación de fraude desde hai sete anos; a creación do estatuto profesional e do consello de informativos. 


Mensaxe do tándem PP-PSOE  

"É unha cuestión de mínimos que no BNG levamos anos reclamando e hoxe estabamos ante unha oportunidade de ouro para obrigar ao PP a cumprir esa lei, nun contexto ademais no que a situación dentro da corporación ten acadado niveis de deterioro impensables”, destacou Albert. 

A deputada concluíu poñendo o foco na mensaxe que se envía co resultado da votación por parte do tándem PP-PSOE: “Que se vai permitir continuar na senda de manipulación informativa, desmantelamento do público, de maltrato da lingua e abandono absoluto da función de servizo público que lle vén dada por esa norma que van seguir incumprindo así como polo mandato marco que a desenvolve. Non conten co BNG para iso”. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias