BRUXELAS | No encontro mantido pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e unha delegación da Plataforma de Víctimas do Alvia, na Dirección Xeral de Mobilidade, o director xeral Kristian Schmidt confirmou que as institucións europeas realizarán unha auditoría para comprobar o grao de cumprimento de procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019 pola Comisión Europea contra o Estado español por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria a raíz da denuncia presentada polo Bloque.
“O procedemento de infracción pide ao Estado español que envíe a certificación de que se cumpre o cambio na normativa e a independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, que non se fixo en tres anos e medio”, explicou Ana Miranda, quen engadiu que o Estado enviará en agosto os documentos finais, e a partir deste punto a Comisión Europea, -a través da Axencia Ferroviaria Europea-, realizará o control e a auditoría de “se o que di o papel se cumpre na práctica, porque até agora vimos que o que dixo o Estado, Renfe, a CIAF e a Dirección Xeral de Ferrocarrís foi mentira”.
Co encontro celebrado hoxe xa son catro as reunións mantidas polas vítimas do sinistro de Angrois con autoridades europeas desde que se produciu o accidente en 2013. “Solicitamos, igual que fixemos desde o principio, unha investigación independente e que non se peche o procedemento de infracción”, explicou Ana Miranda ao remate da reunión, que cualificou de “moi intensa”. Ao respecto sinalou que no encontro se falou dos continuos atrasos no cumprimento dos requirimentos do procedemento de infracción “primeiro por ser un goberno provisional e despois pola pandemia”.
Ademais da preocupación por estes retrasos, “trasladámoslle tamén ao director xeral que se ten que cumprir a normativa comunitaria e o control de riscos para evitar que se produza outro accidente como o do Alvia”, subliñou a portavoz do Bloque en Europa, así como orzamento que acompañe ás medidas.
Reclamación de investigación independente
A incomprensión polo feito de que o goberno español siga sen realizar unha investigación independente foi outro dos puntos abordados na reunión na Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte. Neste sentido, Ana Miranda indicou que Schmidt asegurou que pedirá á Comisaria de Transportes Adina Valean que envíe de novo ao Estado español -igual que fixo varias veces a súa antecesora Violeta Bulc-, unha carta para insistir na realización dunha investigación independente. “A próxima pregunta que realice xa como europarlamentaria será se esa carta xa está enviada”, avanzou Miranda.
Nesta liña manifestouse o portavoz da Plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, ao criticar que non exista aínda investigación independente sobre o accidente. Por outro lado quixo agradecer publicamente ser recibidos “como verdadeiros cidadáns, escóitanos, e son os únicos que reclaman que se faga a investigación independente, mentres os diferentes gobernos seguen ignorando esta petición”.
“Xa van tres anos e medio desde a apertura do procedemento de infracción e solicitamos que vaian ao Tribunal Europeo”, sinalou Domínguez, quen confirmou que en agosto está previsto que o Estado español envíe as novas medidas tomadas para cumprir coa normativa de seguridade ferroviaria e que a finais de ano terá lugar a auditoría, que realizará a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) para comprobar que o Estado está cumprindo co que di. “Estamos satisfeitos por que entendiamos que non podía ser de outra maneira”, asegurou.
Por outro lado, o portavoz das vítimas tamén amosou a súa satisfacción pola autorización que teñen os técnicos da ERA (o autor do demoledor informe que negaba que a investigación fose independente porque non ía ás causas profundas do accidente, Christopher Carr, ou outros) a declarar no xuízo previsto en Compostela no vindeiro mes de outubro. “Para nós é unha satisfacción”, enfatizou ao tempo que manifestou a necesidade de que exista unha protocolo claro de atención ás vítimas, tal e como lle propuxeron ao director xeral.
Finalmente, de cara ao vindeiro ano, no que se cumprirá o décimo aniversario do accidente de Angrois, a portavoz do BNG en Europa avanzou a organización dunha conferencia sobre seguridade ferroviaria en Europa, á que o director de Mobilidade xa confirmou a súa asistencia e na que ademais xa están convidadas ás vítimas. Departamento de comunicación