SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, visitou O Barco de Valdeorras e Pobra do
Brollón, dous dos concellos máis afectados pola vaga de lumes, para coñecer in
situ o alcance dos incendios que cualificou de “desastre ambiental,
económico e social”. Por iso, a líder do BNG a declaración de zona catastrófica
para as áreas máis impactadas polas lapas, como vía para obter todos os
recursos necesarios para a súa recuperación, máxime tendo en conta o importante
número de vivendas que foron pasto das chamas.
“A prioridade é apagar os lumes, pero
hai que ir pensando no día despois e, neste sentido, propoñemos a declaración
de zona catastrófica para que haxa axudas, recursos e se poñan todos os medios
necesarios para a recuperación desas terras queimadas que, en moitos casos,
teñen un alto valor ambiental e económico. É necesaria a colaboración de todas as institucións para que se reverta
o dano que se está causando”, argumentou Pontón desde o concello do Barco.
Coa obxectivo prioritario de extinguir os incendios, Pontón demanda “que
se mobilicen todos os medios que sexan necesarios para poñer fin á situación de
risco nas zonas afectadas tanto en Ourense como en Lugo”. Pero a portavoz nacionalista
tamén considera que esta vaga de lumes debe supoñer “un punto de inflexión” no drama
repetido dun territorio que arde ano tras ano.
“Estamos
vendo a virulencia e a gravidade destes incendios e todos e todas sabemos que
os incendios apáganse no inverno, con medidas de prevención, con ordenación do
territorio e apáganse poñendo freo ao despoboamento en moitas zonas do noso
País”, salientou Pontón, tras manter un encontro co operativo ante lumes na
sede do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives. A dirixente do Bloque tamén considera
clave combater o fogo con medidas estruturais.
“O combate contra o lume require medidas
de carácter estrutural, porque non podemos limitarnos a lamentarnos cada vez que
hai un incendio, é necesario que esta última onda sexa un punto de inflexión e
de paso a unha pola limpeza e ordenación do monte, pola prevención e por outro
modelo forestal, porque todo o que se está a vivir neste momento vaise agravar
co cambio climático”, argumentou.
A
portavoz nacionalista entende que “non se pode mirar para outro lado e hai que asumir
que as cousas non se están facendo ben, acabar coa política de abandono do noso
monte e tomarse en mudar un modelo forestal porque co actual non podemos
convivir no futuro”.
Recoñecemento ao inmenso traballo de todo o peersoal de extinción
Pontón reiterou a mensaxe de
solidariedade, apoio e recoñecemento a todas as persoas que traballan nas
labores de extinción, “mesmo poñendo en risco a súa seguridade e a súa vida”, como
os bombeiros forestais e todos os efectivos das brigadas que se enfrontan a uns
incendios de gran intensidade, “e sabemos que moitas veces o fan desde a
precariedade e a falta de medios e recursos, é un labor social o que están
facendo”.
Tamén fixo referencia especial ás
persoas que perderon as súas vivendas, “sabemos que é unha situación durísima,
desesperada, teñen que saber que estamos todas e todos aquí, para axudar, para
empuxar e facer todo o que estea nas nosas mans para que esta vaga de lumes
acabe canto antes”, concluíu. Desde O Barco, a portavoz do BNG desprazouse
á Pobra do Brollón, onde mantivo un encontro co alcalde, Xosé Lois Maceda, e coa
veciñanza que tivo que ser desaloxada das súas vivendas. Departamento de comunicación