RIBADAVIA | Comedia irónica e innovadora arredor da memoria do progreso e o desenvolvemento dos sectores económicos do turismo en España despois da transición, memoria histórica, teatro de obxectos, estreas e pezas de danza na rúa (entre as que destaca Meeting Point, Premio Max da compañía vasca Ertza). Todo iso para a segunda parte desta 38ª MIT.
O domingo será un peche moi especial, arredor da memoria dos nosos maiores, da convivencia interxeracional e da poética dos feitos cotiás. El Patio Teatro de La Rioja e Marie de Jongh do País Vasco farán que o día de clausura do 24 de xullo teña o teatro de obxectos de novo como protagonista, despois de ver tamén El Mar de Xavier Bobés. Que estará acompañado no foro da MIT de Alberto Conejero, dramaturgo da peza e director do Festival de Otoño, con quen o público poderá dialogar despois da función.
A estrea en Galicia de El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, do Teatro Nacional de Cataluña, en coprodución co FiTT de Tarragona e Xavier Bobés porá en valor o traballo sublime dos obxectos para falar da docencia, dos mestres rurais, dunha vocación maltratada, ninguneada. Ennobrecer a figura do mestre, en concreto dunha historia real que inspira a peza, Antoni Benaiges, fusilado no 36, convertido en figura simbólica por motivar e entusiasmar aos seus alumnos na escola. Teatro visual poderoso, live cinema, debuxos animados e universo sonoro nunha peza profundamente poética.
Igualmente poética é AMA, de Marie de Jongh, fala dos coidados, da fraxilidade e que mestura o prosaico co fantástico, a arte e o riso, o absurdo e o tráxico. Unha peza que conta co asesoramento do dramaturgo de orixe arxentina Pablo Messiez. Será o derradeiro espectáculo da MIT 2022.
O mesmo día 24, no patio do Museo Etnolóxico ás 19h30, terá lugar un acto aberto de coloquio con diferentes xeracións do teatro galego, dos máis novos ás voces máis expertas. Presentacións de libros coa editorial Positivas, coa Fundación Manuel María e o concurso “A miña primeira MIT” para público adolescente completan as actividades desta segunda metade da MIT. Departamento de comunicación