A CORUÑA | A Deputación da Coruña vén de comunicar a concesión definitiva das súas bolsas de apoio a proxectos de investigación e durante o curso 2022-2023. Un total de 20 mozos da provincia da Coruña beneficiaranse destas axudas, coas que a Deputación pretende “ofrecer apoio e oportunidades ao novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades”, segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que detallou que estas bolsas suman un importe total de 200.000 euros, aos que se suman outros 250.000 euros para perfeccionamento de estudos artísticos en centros de fóra de Galicia.
Con estas bolsas, a Deputación da Coruña apoia a 20 persoas con titulación universitaria que desenvolverán no curso 2022-2023, durante un período mínimo de nove meses, proxectos de investigación en artes e humanidades (5), ciencias (4), ciencias da saúde (5), ciencias sociais e xurídicas (4) e enxeñaría e arquitectura (2). Cada bolsa contará cunha achega de 10.000 euros.
O Goberno de Valentín González Formoso incrementou neste mandato tanto o número de bolsas (que pasaron de 40 a 45) como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros. No caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.
A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da Comunidade Autónoma durante o periodo 2022-2023 nalgunha destas áreas: audiovisual (2 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (5), música (12) e teatro e interpretación escénica (3).
A Deputación vén de publicar a concesión definitiva das bolsas de artes pláticas e visuais e de teatro e interpretación, que permitirán a alumnos e alumnas coruñesas formarse en centros de Francia, Reino Unido, Nova York, Madrid, Granada ou Valencia. A concesión definitiva das restantes disciplinas darase a coñecer nos vindeiros días. Os proxectos becados pola Deputación / Departamento de comunicación