OURENSE | Expourense acollerá o sábado 17 de setembro o OUR Fest Xacobeo 2022, cun cartel encabezado por Primal Scream, Belle & Sebastian e Metronomy, tres bandas internacionais de primeiro nivel e que acompañarán a The Big Moon e Julián Maeso Big Band, dentro da primeira edición dun festival promovido pola Xunta de Galicia, enmarcado nos actos do Xacobeo 21·22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal.
O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá en Expourense na presentación da primeira edición dun festival no que colabora o goberno provincial. Fernández estivo acompañado, entre outros, polo delegado da Xunta, Gabriel Alén; e por Jorge R. Mantiñán e David Jiménez-Zumalacárregui, director e promotor do festival.
Na súa intervención, Rosendo Fernández, salientou “a importancia de que Ourense entre a formar parte da proxección internacional do Xacobeo 21-22, cunha cita musical de primeiro nivel”. “Bandas internacionais como as que presentamos hoxe, danos unha nova dimensión que promove diferentes músicas e nos achega público tamén de fóra de España“, celebrou o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén. “A idea foi atraer a bandas cabezas de cartel doutros festivais como Primal Scream ou Belle & Sebastian, pero tamén a futuras promesas como The Big Moon“, resaltaron Jorge R Mantiñán e David Jiménez-Zumalacárregui.
Segundo explican os organizadores, OUR FEST converterá a Ourense no epicentro da música cun cartel que aúna a bandas consolidadas a nivel internacional, como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy ou The Big Moon; e propostas punteiras a nivel nacional, como a de Julián Maeso Big Band que ofrecerá un concerto especial en formato big band. Os asistentes poderán gozar durante unha xornada moi completa de cinco concertos que se prolongarán ata a noite, e no recinto dispoñerán de barras e zona gastro con diversas ofertas de restauración.
Esta primeira edición de OUR FEST Xacobeo 2022 está enmarcada en concertosdoxacobeo.gal, unha iniciativa que oferta música en directo con máis de 100 eventos por toda Galicia que se desenvolven entre os meses de maio e novembro de 2022, con máis de 350 bandas e artistas nacionais e internacionais. Departamento de comunicación