El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | SERVIZOS FERROVIARIOS

O BNG exixe a ampliación e mellora dos servizos ferroviarios en Galicia

15-09-2022 15:08:01

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende o servizo público ferroviario durante o debate da modificación da Lei do sector ferroviario e chama a transferir á Galiza as redes e servizos internos. Rego sinala a necesidade de implantar os trens de proximidade no País para vertebrar o territorio e apostar nunha mobilidade sustentábel, mentres critica a actitude do Goberno español que “non cumpre os seus compromisos coa Galiza” e a pasividade da Administración galega “que non tivo a vontade para defender os intereses dos galegos”. Alén do máis, destaca a aprobación dunha emenda do BNG que demandaba a independencia e autonomía da autoridade administrativa encargada das investigacións técnicas nos accidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil .  

“Defendemos que se atenda para o mantemento, xestión e extensión dos servizos ferroviarios a criterios non unicamente de rendemento económico, senón fundamentalmente de servizo público, garantindo unha cobertura suficiente de todo o territorio” explica o deputado na defensa das emendas presentadas polo BNG, mentres sinala a necesidade de mellorar e ampliar a rede ferroviaria de interese xeral.  

“No caso da Galiza é fundamental a conexión do Eixo Atlántico con Portugal, a liña Santiago-Lugo que aínda non existe, ademais de mellorar as infraestruturas e servizos ferroviarios en todo o País” sinala o deputado do BNG. Así mesmo, lembra que o servizo de proximidade ferroviario non está implantado nas áreas metropolitanas da Galiza, a pesar da insistencia da frente nacionalista, pola falta de vontade política por parte do Goberno do Estado “que non cumpre cos seus compromisos e tampouco deixa que outros o fagan”.  

Neste sentido, Néstor Rego urxe a transferencia das redes e servizos internos á Galiza para poder ofrecer un servizo esencial a os galegos e galegas. “Certo que a Xunta do PP de Feixóo nunca solicitou a transferencia, nin tivo interese en facelo, mais teñan a certeza de que, en breve, haberá un Goberno galego presidido polo BNG que converterá a mobilidade ferroviaria nun obxectivo central das súas políticas sociais” enfatiza o deputado nacionalista.  

Así mesmo, a frente soberanista apunta a necesidade de realizar estudos sobre custo beneficio social no caso de propoñer a eliminación de servizos, non só para a súa implantación, e acordar sempre coas distintas administracións implicadas as propostas. Ademais, tentar sempre que os trazados teñan o mínimo impacto, para evitar que atravesen núcleos de poboación e favorecendo a conciliación social. 

Na Disposición adicional primeira de Creación dunha única autoridade administrativa independente para a investigación técnica de accidentes de transporte, o Goberno comprométese, no prazo máximo de seis meses, a remitir ás Cortes un Proxecto de Lei de creación dun organismo único intermodal que asuma as competencias de investigación técnica de accidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil. “Dito organismo deberá gozar de independencia e autonomía, criterio que foi incorporado grazas a unha emenda do BNG que defendía a implantación dun Plan de Seguranza Ferroviaria” salienta Rego.  

A independencia e autonomía na investigación daría cumprimento á normativa comunitaria e, especialmente, á Directiva Marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 sobre asignar as investigacións e informes sobre accidentes ferroviarios a un organismo independente, desvinculándoo da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), tal e como recomenda o informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) do 7 de xullo de 2016 en relación co accidente do Alvia de Santiago de Compostela.  

“O accidente do Alvia puxo en evidencia a inadecuación da CIAF, dependente directamente do Ministerio de Fomento, para unha investigación realmente independente. Desde aquí, unha vez máis, enviamos todo o noso apoio e solidariedade do BNG ás vítimas e familiares do Alvia que continúan a reclamar verdade, xustiza e reparación” salienta Rego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias