SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG considera un disparate e un atentado contra a frota galega a decisión da Comisión Europea de pechar 87 áreas de pesca de fondo sen motivación científica algunha e sen ter en conta o impacto que pode implicar desde o punto de vista económico e do emprego para un sector estratéxico para Galiza.
En palabras da eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, esta decisión do Executivo comunitario supón “un ataque á frota galega que demostra a ignorancia da Comisión Europea e implica a expulsión da nosa frota de fondo sen ter en conta a realidade económica e social do País, nin se xustifica tampouco desde o punto de vista científico”.
“Supón un golpe en toda a regra a nosa frota que ven sumarse ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ao impacto do Brexit, á aplicación das medidas de conservación que cumprimos estritamente e despois dun regulamento técnico e de control aprobado sen consulta coa frota, despois de todo iso, agora súmase esta prohibición”, critica Miranda, quen anuncia que o BNG solicitará unha reunión urxente co comisario de Pesca á que convidará ao sector.
O Bloque destaca que é a propia frota galega é a máis interesada e implicada na preservación dos recursos mariños e da biodiversidade, pero hai que ter en conta tamén o impacto económico, social e laboral que implica o veto a eses caladoiros aprobado pola Comisión Europea, que entrará en vigor case de xeito inmediato. Ademais, explica Miranda, non só están en xogos moitos postos de traballo, senón tamén toneladas de produtos do mar, toneladas de peixe coa repercusión que iso terá en termos de soberanía alimentaria.
Xunto coa actuación política en Bruxelas, o BNG solicitou no último pleno celebrado esta semana que tanto desde a Xunta de Galiza como desde o Goberno do Estado se demandase á Comisión Europea a retirada desta proposta, “porque tería un impacto brutal en Galiza pois afectaría a unha frota de cen barcos de pesca de fondo”, destacaba a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez.
A deputada nacionalista tamén advertiu do “despropósito” que supón que unha decisión de tal impacto se tome “en base a informes que non conclúen nada, incompletos e cando a mesma Comisión Europea recoñece textualmente que con outros datos máis fiables (sic.) as conclusións serían diferentes”.
Tanto Pérez como Miranda destacan que a frota de fondo galega está xa “hiperregulada” e moi inspeccionada, ademais da súa plena conciencia de que preservar os stocks mariños é a primeira condición para a súa propia supervivencia, “non ten nada a ver a nosa frota cos superarrastreiros doutros países como China”, indica Pérez.
O BNG advirte que a prohibición que a Comisión Europea ven de aprobar podería tamén afectar a frota que faena con artes menores, o que multiplicaría exponencialmente o desastre económico e social para o sector pesqueiro galego. Neste sentido, a formación nacionalista critica a falta de acción eficaz e contundente por parte do Goberno da Xunta para evitar este novo golpe á frota galega. Departamento de comunicación