VIGO | O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle hoxe a Rueda que “colla un avión e vaia a Bruxelas a ver á presidenta da Comisión Europea, que é do PP Europeo, para reclamarlle a suspensión do Regulamento que prohibe a pesca de arrastre”. Así o dixo logo de manter un encontro hoxe coa dirección da Cooperativa de Armadores de Vigo -Arvi-. “Ou defendes Galicia ou defendes as siglas partidistas, e o PSdeG claramente está con Galicia e co sector da pesca”, sinalou Formoso para reclamarlle a Rueda que se plante diante de Ursula von der Leyen e defenda “de ti a ti” a suspensión do Regulamento. Lembrou que a Comisión Europea é a que aproba o Regulamento que prexudica enormemente á pesca galega, e que está “dirixida maioritariamente polo PP Europeo”.
O responsable socialista apuntou que “botamos de menos esa viaxe hai tempo, pero agora mesmo a esiximos”, antes de apuntar que “sabemos que non depende de Alfonso Rueda” en última instancia. Sen embargo, engadiu, “hai que demostrar” o apoio ao sector e “facer o esforzo aínda que incomode aos seus socios, igual que facemos nós”.
Pola súa banda, Formoso instou ao goberno de España que “pelexe xurídica e politicamente” para frear esta norma. Ao mesmo tempo reclamoulle á Xunta que “pelexe conxuntamente co goberno de España” e engadiu que “aparte da sanidade, non ten outro tema que tratar”.
O secretario xeral do PSdeG sinalou que “Galicia non é nada sen os seus pescadores, sen o seu sector pesqueiro”, antes de subliñar o compromiso pechado do PSdeG na defensa do sector pesqueiro. Reivindicou o traballo e o esforzo “imprescindible” na “defensa do sector” fronte a unha norma que, “se entra en vigor, pode ter un impacto socioeconómico estratéxico de país”. Departamento de comunicación