El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

SOGAMA

Novas caracterizacións avalan a alta calidade da materia orgánica entregada en Sogama

O Concello de Santiago de Compostela sumarase á lista de municipios usuarios da planta de compostaxe industrial desta empresa pública.

21-09-2022 16:06:50
Materia orgánica entregada en Sogama.

CERCEDA | Novas caracterizacións encargadas por Sogama a unha entidade externa e independente avalan a boa calidade da materia orgánica entregada na planta de compostaxe industrial da empresa pública por parte dos cinco concellos que, a día de hoxe, están a facer uso da mesma. É o caso de Cerceda, Laracha, Carballo, Cabana de Bergantiños e Santa Comba.  

Os resultados das mostraxes realizadas na instalación arroxan unha media de residuos propios, é dicir, aqueles que deben depositarse no contedor marrón (orgánicos e asimilables), próxima ao 96%, cunha taxa de impropios de tan só o 4%, porcentaxe na que destaca a presenza de bolsas plásticas non biodegradables. Estes datos evidencian o extraordinario traballo que están a levar a cabo os cinco concellos, tanto a nivel de dotación de medios e recursos como desde a dimensión didáctica e divulgativa, desenvolvendo campañas de formación e concienciación orientadas a motivar a participación da veciñanza no sistema.  

O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, mostrou a súa satisfacción pola permanente colaboración dos entes locais e a súa valentía ao ser dos primeiros en implantar a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón, dando así resposta aos obxectivos europeos de valorización desta fracción de residuos mediante a súa conversión en compost. Ao mesmo tempo, destaca a súa contribución a alcanzar o 55% de reciclaxe en 2025, esixencia da UE para o conxunto dos Estados membros.  

Domínguez anima ao resto dos concellos próximos á planta de compostaxe de Cerceda a que sigan a folla de ruta destes municipios veciños e realicen as xestións necesarias para que a instauración da recollida específica da bolsa marrón (materia orgánica) sexa canto antes unha realidade nos seus termos municipais. En próximas datas será o Concello de Santiago de Compostela o que comece a entregar a súa materia orgánica na planta de Sogama. Javier Domínguez felicita o ente local por este importante paso adiante na xestión sostible dos residuos urbanos e confía en que os composteláns farán un bo traballo.  

Ademais, dáse a circunstancia de que case todos os concellos que están a facer uso da planta de compostaxe industrial de Sogama tamén están adheridos ao programa de compostaxe doméstica liderado por esta empresa pública en Galicia. A través desta iniciativa, a Sociedade facilita ás vivendas unifamiliares que contan con terreo as ferramentas necesarias para que poidan autoxestionar a súa materia orgánica, aplicando o compost resultante nas súas hortas, xardíns ou terras de cultivo. Trátase dun proceso con importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais que, ademais, recupera unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o elaboración de compost, pero dunha forma máis moderna, eficiente e cómoda. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias