RIBEIRA | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou que xa trasladou á Defensora do Pobo Europea a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de arrastre en 87 caladoiros do Atlántico sen ter realizado de forma previa un estudo das consecuencias sociais e económicas desta prohibición no sector pesqueiro galego. ”É inaceptable que o comisario tome unha decisión deste calado sen medir o seu impacto económico, trátase dun defecto de forma moi grave”, subliñou Miranda nun encontro co sector pesqueiro na lonxa de Ribeira, xunto a deputada Rosana Pérez e o portavoz municipal do BNG en Ribeira, Luis Pérez Barral, e a concelleira Cruz Rivadulla..
“Consideramos que o comisario de Pesca debe dimitir por prevaricación, por incumprimento dos actos administrativos, xa que unha medida de impacto económico tan grave debe ir acompañada non só de informe científico senón tamén dun estudo de impacto socioeconómico”, explica Ana Miranda, quen defendeu que a Comisión comete unha ilegalidade que debe ser trasladada á Defensora do Pobo Europea, Emily O’Reilly.
Ademais da gravidade da actuación do comisario de Pesca, para a deputada nacionalista os gobernos galego e estatal non souberon anticiparse a esta decisión, que é “un agravio máis” á frota pesqueira galega, que se suma á aprobación do Regulamento de Control e a redución de cotas. “A ignorancia da Comisión Europea e a pasividade dos gobernos galegos e estatal teñen estas consecuencias”, manifestou Ana Miranda, quen lembrou que o mesmo día da publicación desta normativa solicitou entrevista urxente co comisario de Pescada UE, Virginijus Sinkevicius.
A eurodeputada do BNG indicou que o 29 de setembro celebrarase a vindeira Comisión de Pesca, na que trasladará a situación do sector pesqueiro galego ao resto de eurodeputados e eurodeputadas, para o cal xa solicitou ao presidente da Comisión a inclusión deste tema na orde do día. Ademais, expresou o apoio do Bloque á concentración que terá lugar o vindeiro 8 de outubro na prazo do Concello de Ribeira, para protestar contra esta prohibición da pesca de fondo.
Rosana Pérez
Por outro lado, a deputada Rosana Pérez acusou ao presidente da Xunta de “falta absoluta de respecto e de sensibilidade” de anunciar no Consello da Xunta a implantación do primeiro parque de eólica mariña en fronte a Langosteira. “É un tema no que o sector non é favorable polo que debería ser debatido no propio Observatorio Galego da Eólica Mariña, onde non hai unanimidade ao respecto”, manifestou a deputada nacionalista. “A Xunta de Galiza non debería diversificar os seus problemas e debería centrar toda a súa enerxía na defensa do sector pesqueiro”, concluíu. Departamento de comunicación