POIO | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinala que “o goberno cumpre con Galicia” nos orzamentos e esixe a Rueda que aproveite as transferencias para “mellorar a Sanidade e a Educación”. Tamén recorda dende Poio, que o goberno dun pontevedrés e “galego de pro” como Rajoy fixo os orzamentos con menor investimento na comunidade autónoma.
O secretario xeral dos PSdeG, Valentín González Formoso, destacou que os orzamentos presentados polo goberno do Estado son positivos para Galicia, xa que recibirá o 8% do total das contas, tendo un 5,7% da poboación e aportando o 5,3% do PIB estatal. Na comparación coa últimos realizados por un goberno do PP, recordou que no 2018 “un galego de pro” como Rajoy fixo os orzamentos con menor investimento en 14 anos.
Atendendo ao goberno da Xunta, Formoso resaltou que a administración galega recibirá “unha cifra récord” de 9.402 millóns de euros, o que significa un aumento do 24%. Ante esta “oportunidade”, esixiu a Rueda que “invista onde hai que facelo”, principalmente nos ámbitos da educación ou da “colapsada” sanidade galega, xa que entende que “débello aos galegos e galegas”.
Respecto de asuntos sectoriais, González Formoso fixo fincapé en que “o goberno cumpre nas infraestruturas”, polo aumento dos cartos para portos e rede ferroviaria, e “que cumpre” nas políticas sociais e axudas contra a crise de prezos, incidindo na revalorización das pensións ao 8,5% que afecta a 814.000 galegos, a bonificación das peaxes ou dos abonos de media distancia.
Aproveitando a visita á pontevedresa vila de Poio, o representante socialista destacou o aumento de case un 27% para a provincia nas contas de Estado, polo que a súa valoración é realmente ”positiva”.
O líder dos socialistas galegos acudiu á presentación da candidatura municipal de Poio, acompañado da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, de distintos deputados estatais e autonómicos, como Guillermo Meijón ou Paloma Castro, así como do que será o número un nas listas municipais, Gregorio Agís, e da excandidata, Chelo Besada, á que agradeceu o traballo durante tantos anos e a súa “xenerosidade para favorecer” a implantación dun novo proxecto. Departamento de comunicación