El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | PESCA

O BNG insta ao goberno a presentar xa o recurso contra o veto á pesca de fondo

14-10-2022 12:37:27
Unha delegación do Bloque, na lonxa da Coruña.

A CORUÑA | Unha delegación do BNG -integrada pola eurodeputada Ana Miranda, as deputadas no Parlamento Galego, Mercedes Queixas e Rosana Pérez, o portavoz municipal Francisco Jorquera e a concelleira Avia Veira- mantivo un encontro co sector pesqueiro na lonxa da Coruña, -encabezado polo seu xerente, Juan Carlos Corrás- para avaliar a resposta á decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico, que afecta a máis de 200 barcos de capital galego e máis de 4.000 tripulantes.  

Para o BNG é imprescindible que se produza a moratoria na aplicación do novo regulamento de pesca e que o goberno estatal presente “xa” o recurso contra a súa execución, tal e como demanda o sector. Salientaron ao respecto que o sector conserveiro e pesqueiro, -pese as limitacións impostas polas TACs e as cotas de pesca e o impacto derivado do Brexit-, é un sector estratéxico, xa que xera en Galiza 9.000 millóns de euros ao ano e representa case o 6% do Produto Interior Bruto.  

Ana Miranda reclamou ademais “información transparente” sobre os informes científicos e de impacto socioeconómico empregados pola Comisión Europea, xa que a propia Comisión recoñece que non están actualizados e sinala problemas na recepción de datos emitidos polos Estados Membros. Neste sentido indicou que xa os solicitou tanto na Comisión de Pesca da Eurocámara celebrada o pasado luns como por escrito. 

A eurodeputada nacionalista anunciou ademais que no pleno do Parlamento Europeo que a vindeira semana se celebra en Estrasburgo debaterase este veto na sesión do xoves. “Desde o BNG volveremos subliñar que esta decisión é inxusta e desproporcionada e que só ten o obxectivo de expulsar a frota galega destes caladoiros de forma que o mercado terá que abastecerse de pesca que está sometida a menos controis que os europeos”, manifestou Miranda.


Axudas ao sector 

“Cabería preguntarse se é máis sustentábel unha medida que suporá incrementar a importación de peixe doutros países, co impacto ambiental que supón o seu transporte; peixes comercializados, ademais, sen as garantías sanitarias que rexen na pesca na Unión Europea”, sinalou ao respecto o portavoz municipal Francisco Jorquera, quen tamén expresou dúbidas sobre a sustentabilidade de que, en plena crise de prezos e en plena crise alimentaria, se adopte unha medida que encarecerá aínda máis o peixe, expulsándo-o da dieta dos segmentos sociais de menores ingresos.  

Segundo salientou Jorquera, cómpre artellar un paquete de axudas para asegurar a superviviencia dun sector estratéxico na nosa economía mentres non se resolvan a moratoria e o recurso. “Defendemos políticas que aseguren a pervivencia dos ecosistemas mariños, pero iso é conciliábel coa protección dunha actividade pesqueira que é estratéxica para territorios de alta dependencia da pesca como Galiza”, concluíu. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias