SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG non descarta a vía xudicial para conseguir a documentación que o Goberno do PP esconde ao Parlamento en asuntos de gran relevancia e que afectan a temas como a sanidade, residencias, concesión de axudas e subvencións, expedientes sancionadores por delitos ambientais ou facturación con empresas vinculadas a altos cargos do PP que contratan coa Xunta.
“Denunciamos a sistemática ocultación de información por parte do Goberno do PP, nunha actitude obstrucionista, antidemocrática e que fai que nos preguntemos que oculta para vetar o envío do 75% da documentación que solicitamos”, interpelou Pontón, en referencia a información demandada ao Executivo popular en base ao artigo 9 do regulamento da Cámara.
No que vai de Lexislatura, o BNG ten feito cerca de 600 peticións de información, a maior parte están sen contestar pese ao que o Goberno ten a obriga de facelo en trinta días hábiles, pero máis de 300 son peticións de documentación que superan o ano e 43 foron cursadas en 2020. “Preguntámonos que ten que esconder o Partido Popular e o señor Rueda para negarse a mandar a documentación que lle pedimos? Que lle esconde aos galegos e as galegas? Para quen goberna se tanto ten que ocultar?”, interpelou a líder nacionalista, citando exemplos de información solicitada e, até agora, vetada polo PP.
Esconde a documentación das subvencións, préstamos e avais concedidas ao estaleiro de Barreras, tendo en conta o fiasco de PEMEX mesmo con investigacións por corrupción; os contratos adxudicados a Eulen desde 2009, considerando o incremento da facturación pública da empresa na que traballa a irmá de Feixóo, presidente da Xunta durante doce anos; agocha a documentación das listas de espera na atención hospitalaria ou os datos das persoas falecidas nas distintas residencias da terceira idade durante a pandemia.
En materia sanitaria, tampouco envía á Cámara os convenios do SERGAS con empresas da sanidade privada, nin os expedientes sancionadores a empresas que teñen concesións hidroeléctricas ou a relación de parques eólicos construídos nos ámbitos de aplicación de Rede Natura. Igualmente, esconde o expediente de declaración BIC do Pazo de Meirás ou o censo de vivenda baleira.
“Estamos ante unha actitude opaca, obstrucionista e antidemocrática do Goberno do PP, e por iso pido ao señor Rueda que envíe de inmediato toda a documentación pendente, sen máis dilación nin trilerismo político, porque é importante para exercer o labor de control ao Executivo e anticipo que senón muda esta práctica antidemocrática, desde o BNG non descartamos ningunha acción, incluída a xudicial, porque non imos permitir que o PP poña paus nas rodas á función de control do Parlamento que é esencial nun sistema democrático”, concluíu.
A preguntas dos medios en relación á visita do presidente da Xunta a Arxentina e Uruguai, Pontón espera que “as visitas institucionais á emigración busquen fins institucionais, porque se volvemos ás vellas prácticas do pasado mal, en primeiro lugar para a propia xente da emigración que ten dereito a ser tratada como cidadanía e non como mercadoría electoral”, alegou. “O BNG considera que hai que facilitar o voto da emigración, pero non volver as vellas prácticas do pasado que de democráticas tiñan moi pouco”, subliñou. Departamento de comunicación