ESTRASBURGO | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu no pleno do Parlamento Europeo que se está celebrando en Estrasburgo a necesidade de incrementar os recursos destinados á saúde mental, xa que segundo denuncia o Movemento Galego da Saúde Mental, Galiza está por debaixo da media europea.
“Faltan psicólogos e psiquiatras nos centros de saúde, unidades hospitalarias para a infancia e a mocidade, e máis de 10.000 galegos están agardando para ter unha consulta”, denunciou Miranda, quen subliñou a importancia de que se produza un debate na Eurocámara un debate sobre este tema como paso fundamental na “loita contra o illamento, o suicidio, a estigmatización, a discriminación, os estereotipos, as carencias materiais e afectivas e a pobreza”.
Precisamente a Comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, agradeceu a Ana Miranda compartir a súa experiencia persoal no plenario, xa que iniciou a súa intervención falando da súa propia vivencia. “Este é un debate que sinto na pel cando meu finado pai foi internado por trastorno bipolar ao saber que miña nai tiña Alzheimer. Nunca pensei estar póndome na pel de tantas familias”, sinalou.
Carencia de profesionais
O BNG ten denunciado en diversas ocasións que dous anos despois da aprobación do Plan de Saúde Mental de Galiza 2020-2024 a Xunta aínda non investiu nin unha cuarta parte dos 83 millóns de orzamento co que estaba dotado inicialmente e tampouco cubriu nin a metade das prazas de profesionais previstos (117 de 241), tal e como confirmou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.
Segundo os datos, Galiza está á cola do Estado na dotación de profesionais especialistas, de forma que os profesionais existentes representan o 68% do preciso en psiquiatría, o 49% do necesario en enfermería; o 50% do de psicoloxía, o 27% do de traballo social e o 32% do de terapia ocupacional. Ademais, na sanidade pública galega tampouco hai unha unidade de prevención do suicidio por área sanitaria, carencia moi preocupante xa que en Galiza un total de 331 persoas faleceron por suicidio en 2021.
Esta situación ten como consecuencia tempos de espera inaceptables, cunha lista de agarda que supera as 10.000 persoas para unha primeira consulta en psiquiatría e que aumenta de forma progresivo nos últimos anos. “É fundamental reforzar a saúde pública para atender a saúde mental”, concluíu. Departamento de comunicación