El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso: "O futuro do rural en Galicia ten nome de muller"

29-10-2022 15:42:33

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Santiago de Compostela na inauguración do acto organizado pola administración provincial e Fademur Galicia para conmemorar o Día Internacional da Muller Rural, onde apostou polo un rural galego “vivo e con futuro” e no que a muller “debe ter un papel protagonista”. 

Na inauguración da xornada, celebrada no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago e que reuniu a máis de 600 mulleres dos concellos rurais da provincia, tamén participaron o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos Arrojo.  

“O futuro do rural de Galicia leva nome de muller”, afirmou Formoso, que subliñou que, “a pesar do abandono e dos recortes en servizos públicos esenciais como sanidade e educación por parte da Xunta de Galicia, catro de cada cinco proxectos emprendedores que se crean na Galicia rural son impulsados por mulleres”, un dato que considerou “esperanzador”, polo que reclamou “máis apoio e máis orzamento” para estes proxectos que contribúen a xerar actividade, diversificar a economía e fixar poboación nos pequenos concellos. 

Durante a súa intervención, Formoso destacou que “menos do 4% das explotacións agrogandeiras están xestionadas por menores de 35 anos”. Un dato “dramático” sobre o relevo xeracional no rural galego, “que é  un asunto transcendental para o futuro de Galicia, que as institucións debemos abordar dun xeito decidido, como xa estamos a facer desde a Deputación da Coruña”. 

González Formoso cree que para “asegurar o relevo xeracional, é urxente facer o rural atractivo para a mocidade, e para iso hai que xerar as condicións necesarias para crear emprego e oportunidades laborais” e dotalo de servizos públicos como sanidade, educación e transporte “que permitan desenvolver alí un proxecto de vida”. 

Con respecto á perda de servizos, Formoso sinalou que a Xunta “pechou 138 colexios en Galicia nos últimos anos, suprimiu unidades de atención primaria e unha directora xeral do Sergas nos di que non pode haber un pediatra en cada centro de sáude”. En relación a isto, Formoso instou á Xunta de Galicia a que “incorpore unha cláusula demográfica nas licitacións” da administración autonómica, dando prioridade ás empresas que se implanten no ámbito rural e bonificando a aquelas que xeren actividade e postos de emprego e sinalou que “debemos fomentar que aqueles servizos que se poidan prestar desde o rural non teñan porque executarse desde o ámbito urbano”.


Apoio da Deputación ao mundo rural 

Neste sentido, lembrou que a Deputación da Coruña apoia máis que nunca ao mundo rural. “A nosa oficina de xestión de proxectos europeos, onde se tramitan centos de millóns de euros, non está na cidade da Coruña ou aquí en Santiago de Compostela, senón nun pobo de 1.300 habitantes que se chama A Capela”, sinalou como exemplo dun compromiso que debe “mostrarse con feitos, non só con palabras”. 

Formoso enumerou outras accións da Deputación que contribúen a xerar actividade e fixar poboación no rural como o Plan de Emprego Local (PEL), que inviste na creación de emprego e apoia a centos de autónomos e proxectos emprendedores nos pequenos municipios da provincia, ou o Plan Único “que supuxo pasar de 25 a 100 millóns de euros anuais o investimento en infraestruturas e servizos públicos no rural  da Deputación”. 

Para Formoso “a muller foi historicamente, e segue a ser, o motor que move o medio rural en Galicia”. “A pesar do seu papel decisivo na economía do rural, as mulleres seguen a vivir unha situación de desigualdade e precariedade laboral”, subliñou. 


Recoñecementos as mulleres comprometidas co rural

Durante o acto realizouse un recoñecemento a mulleres e entidades do mundo rural que destacan polo seu compromiso co mundo rural e a súa aposta pola cultura, a igualdade, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos. 

As gañadoras das diferentes categorías foron: Aida Pena, directora de informativos e contidos da Cadena Ser en Galicia, que ofrece unha visión global da actualidade de Galicia con especial atención os sectores primarios, Filgueira Paz, unha das primeiras Maxistradas do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, colabora en proxectos a nivel europeo relacionados con materias de violencia sobre a muller; Pementeiras de Padrón (desde os seus comezos a directiva estivo conformada principalmente por mulleres) e, por último, Isabel Liñares García, membro de Unións Agrarias pola súa implicación na loita polos dereitos de produtoras e produtores, e tamén das mulleres. 

Durante a xornada o tema central, o relevo xeracional no rural, desenvolveuse en profundidade nunha mesa redonda coa participación de catro mulleres que desenvolven os seus proxectos vitais e profesionais no eido rural: Sandra Aldrey e Ana Corredoira, gandeiras produtoras de leite; María Jesús Chenel, gandeira dedicada á produción de carne, e Erika Lema, dedicada aos produtos da horta. A xornada foi clausurada pola presidenta de Fademur España, Teresa López, e o secretario xeral de Unións Agrarias- UPA, Roberto García. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias