SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, viaxará esta semana a Dublín onde manterá unha reunión bilateral coa presidenta do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, continuando así coa axenda de contactos internacionais da líder do BNG, que xa a ten levado a países como Uruguay, Chile ou Colombia, con encontros con referentes da política do continente americano como Pepe Mújica, Dilma Rousseff ou Francia Márquez.
A reunión bilateral entre Pontón e McDonald xuntará a dúas políticas con moito en común: ambas comparten ser líderes das súas formacións, ambas comparten ter logrado os mellores resultados electorais da historia das súas forzas e ambas aspiran a presidir os gobernos dos seus países na próxima cita coas urnas, o que suporía un fito tanto en Galiza como en Irlanda. E comparten tamén ser parte do minoritario, pero crecente, grupo de mulleres que encabezan as direccións das súas formacións políticas.
O encontro entre ambas líderes terá lugar este venres na capital irlandesa, na xornada previa á celebración do congreso anual do Sinn Fein, ao que asistirá a eurodeputada Ana Miranda, responsable ademais a área de polititica internacional dentro da Executiva nacional do Bloque.
A xuntaza será unha oportunidade para que ambas líderes poñan en común as súas valoracións en relación ao actual momento político, marcado por unha crise de prezos que impacta de cheo sobre a calidade de vida da cidadanía, cuestións como a urxencia de defender e fortalecer os servizos públicos, defender o dereito da clase traballadora fronte ós lobbys económicos, de preservar as conquistas socias que definen unha sociedade xusta e con benestar para a maioría, así como o dereito a exercer a súa soberanía e autodeterminación dentro da Europa dos pobos.
Pontón e McDonald xa tiñan parcipado nunha conferencia virtual conxunta organizada pola Fundación Galiza Sempre, pero será a primeira ocasión en que teñan oportunidade de coñecerse en persoa nesta cita cara a cara en Dublín. Departamento de comunicación