A CORUÑA | “A provincia que sabe” a marca turística e gastronómica da Deputación da Coruña inicia a súa andaina en tres foros sectoriais que terán lugar a vindeira semana: o Fórum Gastronomic de Barcelona, o Salón de Turismo Gastronómico ‘Xantar’ de Ourense e a Feira do Gourmet Galego ‘Etiqueta Negra’ de Pontevedra. Trátase, segundo explica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, “de incrementar os esforzos que estamos a realizar para promocionar a oferta turística da provincia desde parámetros de calidade e de sustentabilidade, en liña coas novas demandas da sociedade actual e poñendo enriba da mesa conceptos como o consumo responsable, o turismo consciente, e as potencialidades da economía circular”.
Entre o luns 7 de novembro e o mércores 9, a área de Turismo da Deputación desenvolverá un ambicioso programa de actividades no stand propio do Fórum Gastronómic de Barcelona, con oito showcookings e oito degustacións. Neste programa participarán cociñeiros e cociñeras da Costa da Morte, da Reserva das Mariñas e Terras do Mandeo, de Ortegal e da comarca de Santiago. En canto ás degustacións, ofreceranse produtos agroalimentarios representativos de todos os xeodestinos da provincia. Un programa que se intensifica con respecto ao desenvolvido no mesmo foro en anos anteriores, co obxectivo de “poñer en valor a diversidade do noso sector gastronómico como unha das fortalezas turísticas da provincia e, sobre todo, como un elemento para atraer e consolidar un turismo de calidade”, explica Xosé Regueira. Convén lembrar que o Fórum Gastronomic concentra en Barcelona os principais nomes da cociña contemporánea e as empresas punteiras do ámbito gastronómico.
A promoción de “A provincia que sabe” ten dúas citas máis durante a vindeira semana. Do mércores 9 ao domingo 13, estará presente no Salón de Turismo Gastronómico ‘Xantar’ de Ourense cun stand propio, que acollerá degustacións de produto da provincia. Ademais, o vicepresidente e deputado de Turismo participará o venres 11 nunha mesa redonda onde dará a coñecer a nova estratexia turística baixo a marca ‘A provincia que sabe’, co obxecto de “chegar a un perfil turístico interesado particularmente pola gastronomía, máis tamén ao sector profesional: o da distribución e o da restauración”.
Por último, na mañá do domingo 13, a área de Turismo da Deputación participará por vez primeira na Feria do Gourmet Galego ‘Etiqueta Negra’ de Pontevedra cun showcooking a cargo da cociñeira do grupo Nove e recoñecida cunha Estrela Michelín, Beatriz Sotelo. A Feira Etiqueta Negra, especializada no gourmet e na innovación agroalimenaria, reúne a profesionais do sector, produtores e consumidores co ?n de dar a coñecer as tendencias de mercado, identi?car novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos delicatessen e gourmet que se producen no país. Departamento de comunicación