VILAGARCÍA | A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que un dos cabalos de batalla dos orzamentos 2023 da Xunta para o BNG “vai ser a sanidade pública”, ámbito no que reclamará un plan de choque para reforzar a Atención Primaria, dotado de 200 millóns de euros, para contratar máis persoal, e unha partida específica de 21 millóns de euros a maiores para atender a saúde mental.
Así o anunciou logo do encontro mantido en Vilagarcía de Arousa con profesionais sanitarios e persoas afectadas pola situación da Atención Primaria na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, da que dixo, “está sendo o KM 0 da desfeita sanitaria” dun Goberno do PP “incapaz de poñer sobre a mesa solucións”, e onde se rexistra unha situación que considerou “gravísima” porque “cando se deteriora a atención sanitaria das persoas, o que se está deteriorando é a saúde da poboación e, polo tanto, o PP está poñendo en risco a saúde dos galegos e as galegas e a saúde dos veciños e veciñas do Salnés”, alertou.
Despois de advertir que “non é de recibo que volvamos a ver PACs que non teñen nin un médico nin unha médica” e felicitar á cidadanía da comarca pola súa mobilización en defensa da sanidade pública, Pontón apelou á urxencia de que a Xunta tome medidas estruturais porque “hoxe o problema que ten a sanidade pública non é que falten profesionais, é que sobra precariedade”.
“Cando temos a Atención Primaria colapsada é unha auténtica tomadura de pelo que o PP presente uns orzamentos para 2023 que recollen 0 euros para máis persoal”, criticou, para engadir a continuación que isto é “unha falta de respecto aos galegos e galegas que están vivindo unha situación límite”, tal e como constatou neste encontro a través de distintas casuísticas que se están a dar nesta área sanitaria.
Ante un PP que, segundo apuntou, “quere converter o dereito á saúde nun negocio para a minoría”, deteriorando e socavando unha das grandes conquistas sociais como é a sanidade pública, a líder do BNG insistiu na necesidade de acometer medidas para reforzar o sistema sanitario galego e especialmente a Atención Primaria con máis profesionais.
Nesta mesma liña tamén se pronunciou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, quen advertiu que a Xunta está “creando un relato fraudulento” cando afirma que está a incorporar profesionais. “O que están facendo é cambiando a súa situación administrativa, cambiando ás e aos profesionais dunha praza eventual a outra fixa, o que nos parece moi ben porque levamos anos reclamando que se estabilice ao persoal, pero isto non é incorporar profesionais”, afondou.
Prado considerou “absolutamente inaceptable” o que está acontecendo en concreto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés dende xa antes do verán, cunha situación na que, segundo indicou, “non hai nin un centro de saúde que teña unha situación normal, onde haxa as e os profesionais precisos” e onde os PACs “están un día si e outro tamén sen ningún médico ou médica”.
Logo de repasar a situación concreta de localidades como a propia Vilagarcía, Cambados, O Grove ou Sanxenxo, a deputada nacionalista advertiu tamén da preocupante situación dos servizos de pediatría na comarca e concluíu que, como resultado do deterioro da Atención Primaria, estase chegando tarde a enfermidades que atendidas en tempo poden ter unha fácil solución “pero que cando non é así, acaban cronificándose” e estase provocando ademais a saturación tamén dos servizos de urxencias hospitalarias. Departamento de comunicación