SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, celebrou hoxe a “confianza mostrada en Galicia” por parte do grupo Maersk e o goberno de España para producir hidróxeno e metanol verde, pero sinala que este gran proxecto leva consigo “deberes ao goberno da Xunta” no campo das enerxías renovables que levan “máis dunha década abandonados”.
O número un dos socialistas galegos pronunciouse hoxe sobre o acordo da multinacional danesa Maersk co goberno de España para instalar en Galicia e Andalucía os seus centros de produción de metanol verde para abastecer á súa frota arredor do mundo. Este proxecto está dentro do plan do xigante nórdico para deixar de utilizar combustibles contaminantes no ano 2030, para cando as plantas estarían xa totalmente finalizadas e operativas.
O investimento total da segunda navieira máis importante do globo estímase nuns 10.000 millóns de euros, segundo as informacións publicadas onte. A nivel de emprego se estima a creación de entre 4.500 e 5.000 postos directos, entre 35.000 e 40.000 na construción e ata 40.000 postos indirectos, a repartir entre os dous centros de produción que se crearán en Andalucía e Galicia.
Os deberes para o goberno galego que sinala Formoso veñen por parte da empresa, que apunta á necesidade de crear entre 20 e 80 novos parques eólicos e fotovoltaicos, ante o que o líder do PSdeG recordou que a Xunta “abandonou” dende a chegada de Feijóo á Xunta e agora con Rueda ao mando, a política activa na xeración de enerxías renovables.
Formoso recalcou a importancia de que a Administración galega teña parte do accionariado dos novos parques que se fagan, xa que así o recomenda o goberno de España, polo que reclamou “participación pública para liderar un proxecto respectuoso co medio ambiente e coa xente”, afirmando que esa idea vai na liña do “ideal socialdemócrata de monitorizar as operacións esenciais para a economía dun país” que “ten o PSdeG e que se está a impor en toda Europa”.
Recalcou que esta “magnífica” nova está dentro do discurso dos socialistas galegos que xa hai tempo que “non dicimos á xente o que quere oír, senón o que precisa o país” polo que defendeu que o PSdeG “está moi cómodo” cando Galicia “ten deberes” por diante no ámbito da transición ecolóxica, que reverten ademais, na creación de emprego de carácter industrial. Departamento de comunicación