SANTIAGO DE COMPOSTELA | O portavoz do grupo parlamentario socialista, Luis Álvarez, explicou hoxe as emendas de devolución e de modificación dos orzamentos que levará o seu grupo ao pleno da Cámara galega, incluíndo na emenda transversal, a mobilización de 766 millóns de euros para levar a cabo políticas en ámbitos como educación, sanidade, I+D+i, política social ou industria, como se recolle no seu plan Impulsar Galicia.
O representante dos socialistas no Parlamento de Galicia expuxo as principais emendas que levará o seu grupo a pleno para modificar o proxecto de orzamentos presentado polo goberno galego. En concreto, estamos a falar de tres emendas “fundamentais” que serían unha emenda de devolución dos orzamentos no seu conxunto, unha emenda transversal aos distintos aspectos das contas, e unha emenda ás medidas fiscais e administrativas. A maiores estarán as emendas de carácter sectorial.
A emenda á totalidade das contas da Xunta ven xustificada por parte dos socialistas porque o proxecto presentado polo executivo “non da resposta ás necesidades dunha Galicia máis empobrecida, ás necesidades dos máis vulnerables, nin ás dos sectores máis afectados pola crise económica”.
Luis Álvarez presentou datos do Foro Económico de Galicia, que no seu último informe sobre conxuntura económica alerta de que Galicia está a perder actividade económica, mentres que no resto de España estase incrementando levemente, a pesar da inflación. Os datos son aínda máis preocupantes, segundo este informe, debido a que a economía galega soportou de mellor maneira a pandemia que o resto do Estado, polo que a caída da actividade é máis doente.
Estes datos amosan, para os socialistas, a necesidade de incrementar maiores políticas de protección social e de dinamización económica, na liña do proposto polo goberno de España e as institucións europeas. Sen embargo, Álvarez non ve que a Xunta estea traballando nesa dirección con medidas como a retirada da tarxeta básica e a bonificación fiscal aos millonarios que se confirman no proxecto de orzamentos presentado.
O portavoz parlamentario do PSdeG presentou a emenda transversal, coa mobilización de 766 millóns de euros, na que se poden observar os principais aspectos do proxecto político que tratan de defender os socialistas, polo que enumerou os distintos puntos que queren reforzar nas contas galegas.
Comezou expoñendo as súas propostas para unha sanidade para a cal houbo “anuncios contraditorios” sobre a partida destinada ao reforzo da atención primaria que conta con 976 profesionais menos que hai unha década, os socialistas 16 millóns de euros para mellorar directamente as condicións laborais do persoal sanitario, 20 millóns de recursos humanos para atención sanitaria, traballo social, fisioterapia e incorporar podoloxía en atención primaria, así como 161 millóns de euros para atención hospitalaria e investigación sanitaria.
No campo da protección social tamén propoñen 136 millóns de euros nun plan de compensación para os sectores económicos polo incremento de custos pola crise de prezos, así como 8 millóns de euros para incrementar o número de beneficiarios do bono social eléctrico e 31 millóns de euros para a recuperación da tarxeta básica.
En educación propoñen destinar 4 millóns de euros para a gratuidade da primeira matrícula universitaria e dotar de 7 millóns de euros a maiores para a gratuidade dos libros escolares para a totalidade do alumnado, medida do goberno de Pérez Touriño retirada por Feijóo no 2009.
No ámbito da investigación e a innovación, propoñen un plan de I+D+i de 70 millóns de euros, así como 10 millóns de euros para estabilizar ao persoal investigador de Galicia, na liña do Plan de Ciencia impulsado pol goberno de España. Estas son algunhas das 164 actuacións da emenda transversal que “atinxe a tódolos ámbitos da política económica da Xunta”.
Respecto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, coñecido por lei de acompañamento, amosou que presentan unha emenda de devolución, por coherencia ao non respaldar aos orzamentos, e pola extralimitación da Xunta, que vai a modificar 35 leis este ano, como a lei do solo de Galicia que dende o 2016 que se aprobou vai a modificarse por décimo primeira vez. Departamento de comunicación